A solución está na mobilización

pasado 16 fíxose na vila das Pontes unha folga xeral que foi un éxito, e ese mesmo día realizouse unha marcha a Madrid para se concentrar diante do Congreso, a fin de sensibilizar e pedir solucións  diante do peche programado de Endesa. Son setecentas persoas afectadas directamente máis todo o que implica na economía e emprego indirecto. A transición enerxética debese facer aportando proxectos alternativos e recursos económicos previos. O fundamental é manter o tecido produtivo nas comarcas afectadas, as solucións parciais ou para un determinado colectivo, son pan para hoxe e fame para o futuro.
Atopámonos máis unha vez diante dun novo proceso de “reconversión”, que como outros anteriores agochan o desmantelamento de sectores que son estratéxicos para a actividade económica do noso país. No sector enerxético afecta a Endesa e Meirama, no naval a Barreras e Vulcano, nas empresas electro-intensivas a Alcoa e Ferro-atlántica, etc...
Resulta evidente que atinxe aos dous grandes polos da industria galega: Ferrol-Coruña e Vigo. Que non se trata dunha anécdota reflíctese nos dados de produción industrial, que ao mes de agosto deste ano caia un -6% na Galiza fronte a un -0,5% en todo o Estado español en termos anuais. Neste retroceso da produción destacaba o sector galego da enerxía, un -34,6%, e o de bens intermedios nun -3,3%. Polo tanto non se pode analizar esta caída como unha situación parcial ou conxuntural, xa que está en cuestión o motor da economía galega: a industria.
Estamos diante dun momento clave, como cando nos oitenta se intentou desmantelar a maior parte do sector naval e, desde o sindicalismo nacionalista (INTG, agora CIG), malia ser daquela unha central minoritaria, houbo o atrevemento de convocar unha folga xeral o 12 de febreiro de 1984. A esta seguíronlle dúas máis, ambas en unidade con CC.OO. Neste momento, os cadros de persoal son máis pequenos e fracturados entre a plantilla principal e auxiliares, e nun contexto máis complexo; porén a mobilización segue a ser a única ferramenta efectiva da clase traballadora para se defender. E isto  vai depender en boa medida da iniciativa e unidade do sindicalismo, e do apoio social.
Vivimos nun país rico en materias primas, cunha extensa costa e unha situación xeográfica excepcional. De pouco nos vale. Seguimos perdendo peso en sectores estratéxicos e a ser exportadores netos de capital e persoas mozas. É o reflexo da falta de proxecto de país, de medidas que rachen co carácter subalterno. Fáltanos poder político, soberanía.

A solución está na mobilización

Te puede interesar