Seguirá todo igual despois das eleccións?

As primeiras enquisas, posteriores á convocatoria de eleccións, amosan uns resultados que non son precisamente os que esperaba Pedro Sánchez. Aínda que até o 10 de novembro hai moito tempo, como para que mude a tendencia, todo fai pensar que tanto o relato do PSOE como o de Ciudadanos non son críbeis para unha boa parte daqueles que o 28-A lle deron seu voto. Seica o partido de Pedro Sánchez terá unha representación moi semellante, tamén UP, e o PP aumentaría. A única novidade sería Errejon que acadaría grupo propio e Ciudadanos afundiríase. Aínda que no caso de Mas País e no de Ciudadanos haberá que esperar ao día da votación, dado que ambas forzas teñen unha escasa militancia e son moi dependentes da súa presenza nos medios. Outro dato a ter en consideración, e no que as enquisas coinciden, é que a distribución entre bloques non vai mudar, e que a abstención subirá. Afectará a todos os partidos por igual? 

Agora ben, sendo así, máxime se Ciudadanos recua moito e o PSOE non medra, resultaría evidente que os electores/as fanlle unha corrección moi forte a Pedro Sánchez, e déixano moi tocado como líder e orfo para realizar unha coaligazón á súa dereita; a menos que termine pactando co PP.  

As súas últimas declaracións, marcando unha liña agresiva co soberanismo catalá e deixando nun segundo plano a cuestión social, semellan unha aproximación á dereita, ou/e que procura buscar votos nese celeiro. Se fose así semella que non lle dará moito resultado. Como se superará o atranco para formar Goberno se todo segue igual ou parecido? Unha alternativa a Sánchez no PSOE podería ser necesaria para desbloquear tanto a esquerda como a dereita.

Outro aspecto das vindeiras eleccións que non se pode obviar, no caso concreto de Galiza, é a necesidade de que haxa forzas no Congreso que teñan seu centro de decisión no País, que pensen e obren en galego, porque temos especificidades mesmo naqueles temas comúns, por exemplo no mundo do traballo, das pensións, da dependencia, da igualdade. Ademais, hai aspectos, como en todo o relativo ao sector agrario, pesca, industria e enerxía, cultura, lingua, historia, nas que carecer dun grupo galego no Parlamento deixamos en situación de debilidade, non só con respecto de Madrid, de Cataluña e Euskadi, senón mesmo en relación con Valencia, Cantabria e Canarias. Neste aspecto as eleccións son unha oportunidade para que deputados/as do BNG volvan a estar presentes no Congreso. 

As mesturas e confluencias amosaron seus límites e hipotecas, a novidade foi un paso atrás. 

Seguirá todo igual despois das eleccións?

Te puede interesar