lunes 06.07.2020

Salvar, reconstruír e innovar

Varios dos sectores estratéxicos da economía galega, como son o naval, enerxético, e metalúrxico, poden perder unha parte moi importante da súa capacidade produtiva e do emprego. A recuperación que nunca se concreta do estaleiro Vulcano en Vigo, a falta de traballo no de Navantia de Ferrol, o peche das centrais térmicas de Endesa nas Pontes e de Meirama en Cerceda, o un ERE que leva por diante máis de media planta de Alcoa en Cervo así o reflicten (que pasará coa de Coruña?). A estas empresas do sector industrial que pecharon, ou están por facelo, podemos engadir a conserveira Thenaisie Provote con fábricas en O Grove e Mos, e moitas máis. 

Miles de empregos do sector industrial perdidos ou a punto de perderse, que se multiplican por tres cando temos en consideración aos/as ocupados afectados indirectamente. En realidade nas últimas décadas fomos perdendo diversidade produtiva na industria, e non se avanzou respecto de completar os ciclos produtivos. Unha evolución lóxica pola adquisición de moitas das empresas máis dinámicas por capital foráneo. Con todo o que isto implica en relación co papel subordinado e a perda de peso na cadea de valor, e dun rol secundario na investigación e nas prioridades de desenvolvemento. Daquela que se potenciase o circulo vicioso da caída do emprego e do consumo, da produción para o mercado interno, e da importancia de Galiza como lugar de residencia do centro produtivo. A caída constante na porcentaxe da poboación de Galiza no Estado español reflicte esta traxedia, que agora se agrava co covid-19.

Non semella que a Xunta de Galiza tome nota desta desfeita (tampouco o Goberno do PSOE+UP), ten posto seu foco exclusivamente no sector da confección de Arteixo-Coruña e do automóbil en Vigo-Porriño. Son os sectores con maior contribución ao PIB, ao emprego e ás exportacións. Porén malia a súa fortaleza actual nada impide que teñan importantes retrocesos nos vindeiros anos, especialmente o relacionado co automóbil. Como condicionará a pandemia a mobilidade no futuro  e sobre todo o gran polo industrial que se está a desenvolver en Marrocos? Con tantas incertezas semella urxente salvar nuns casos e reconstruír noutros sectores como o naval, enerxético e metalúrxico, nos que temos experiencia e persoal capacitado. E completar ciclos produtivos como o do leite, madeira,... E intentar de abrir máis portas nas novas tecnoloxías, a cultura, e todo o relativo aos coidados...Haberá que salvar, reconstruír e innovar a un tempo, e que o sector público faga de locomotora.

Comentarios