Con recuperar non abonda

As previsións sobre a caída do PIB este ano no Estado español (EE), segundo distintos organismos internacionais e o Banco de España, superará o 12%, polo que o desemprego atinxirá o 20%. Dise que durante 2021 e 2022 recuperarase a economía a niveis de 2019, ou sexa, tres anos perdidos. Seica sería así sempre que a pandemia non se estendese máis tempo e con gran forza no resto do mundo afectando o comercio internacional, e que non houbese unha nova onda no EE. Evidentemente a solución seria unha vacina. 

Mais, mesmo existindo unha vacina ¿é posíbel volver en poucos anos á situación anterior? Coido que non, por tres motivos fundamentais. O primeiro, que dado o grao de desfeita ecolóxica, presión demográfica, grandes concentracións urbanas, maior mobilidade, desigualdade e amoreamento da poboación, nada impide que un novo virus se espalle coa mesma ou maior velocidade. Segundo, porque este virus non fixo máis que acelerar e deixar en evidencia un sistema económico e social que é insostíbel, polo que aínda que non se fagan mudanzas sistémicas realizaranse importantes reformas. Terceiro, produciranse cambios nos comportamentos sociais, que afectaran a mobilidade e as relacións entre persoas. Moi especialmente o turismo de masas, porén tamén os espectáculos e outras actividades con grandes concentracións de xente. 

Ou sexa, non se trata só de recuperar a activade económica anterior, que nalgúns sectores haberá moitas dificultades e non é aconsellábel, senón que se deberá desenvolver novas actividades, innovar e dixitalizar os procesos, e sobre todo completar os circuítos e diversificar a produción. Non só en áreas vitais, como a sanidade, senón noutras igual de importantes para a vida humana, como a alimentación, tanto no relativo á produción primaria, como transformación e comercialización. Nun mundo cada vez máis sometido a todo tipo de problemas climáticos, conflitos, e confrontacións entre potencias, son medidas de protección básicas. 

Mais, para recuperar a actividade económica e desenvolver todas as potencialidades, a iniciativa e o capital público son esenciais. Cales son os planes que sobre estes temas tan transcendentais ten a Xunta? E ademais, cales son as partidas que se lle van a dedicar a estes sectores e como se van repartir os recursos entre as autonomías e nacionalidades históricas? Seguir apostando por facer ben os deberes que nos marca Madrid e Bruxelas acentuou a perda de peso económico e demográfico. É un tema para a reflexión. As vellas formulas son un suicidio, en cámara lenta. 

Con recuperar non abonda

Te puede interesar