Reboiras, transformar colectivamente

O 12 de agosto de 1972 no Ferrol, a primeira hora, os disparos de metralleta da policía franquista segaron a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante da Unión do Povo Galego. Foi un asasinato, como confirmaron os feitos e as testemuñas. A ditadura quería esmagar o rexurdir do nacionalismo galego que loitaba pola democracia, a xustiza social, e o dereito á autodeterminación. Despois seguiron as detencións ou refuxiarse en Portugal, onde a Revolución do Cravos abría unha xeira de liberdade e ilusións, e por parte dos/as activistas no interior a mellorar o traballo político e social clandestino. 

Reboiras comezou a militar no movemento cultural galeguista en Vigo e no 72 participou activamente nas loitas obreiras que abanearon esta cidade industrial. Despois traballaría como electricista na Coruña, onde viviría primeiro perto da cárcere, onde compartimos casa e actividade política, e despois no Burgo. Mantiña unha estreita relación con Moncho Valcárcel, o “crego de Sésamo”, cun papel destacado na loita das Encrobas. 

A contribución de Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi importante. Sería esencial na fronte Obreira da UPG para que xurdiran no primeiro semestre de 1974 boletíns e organizacións de base: Xerme na Coruña, o primeiro, e logo Galego en Compostela, Adiante en Vigo, Ferramenta no Ferrol, Obradoiro en Ourense. Destes xermolos xurdiría no ano 75 o Sindicato Obreiro Galego, que sería a cerna da futura Intersindical Nacional Galega. Para entender a importancia deste feito, cómpre lembrar que fóra de Quebec e Euskadi non existe no mundo unha central sindical dunha nación sen estado proio cunha presenza semellante á da CIG (hoxe primeira central en número de delegados/as, afiliación e capacidade mobilizadora).

Moncho Reboiras foi un militante exemplar que puxo a súa vida ao servizo das clases populares, ou sexa: da soberanía nacional, da xustiza social, e da defensa da cultura e lingua de Galiza. Tiña facilidade para se relacionar coa xente, sempre cun sorriso nos beizos, e percorría o país de cabo a rabo divulgando ideas, tecendo organización e dando unha man nas loitas reivindicativas. Reboiras foi, sobre todo, un militante social, entregado, con sólida formación e capacidade de análise.  

Hoxe, a corenta e cinco anos do seu asasinato, cómpre lembrar a súa achega e a doutros compañeiros e compañeiras, así como a importancia da vontade individual como contribución aos proxectos colectivos, á construción da transformación social, económica, cultural e política.

Reboiras, transformar colectivamente

Te puede interesar