Protexer os ecosistemas sen facer trampas

Sen dúbida ningunha o clima está nunha situación de emerxencia, así o afirman os científicos, e así se pode comprobar acotío polo cambios drásticos das temperaturas, os desastre naturais (como secas, lumes e asolagamentos), e a contaminación dos mares e das grandes urbes. Cómpre polo tanto tomar medidas urxentes, tanto na eliminación daquelas materias máis contaminantes, como no modo de vida, e na racionalización da poboación e unha distribución acaida. Non se trata de sérmonos máis, senón de poder vivir mellor e garantir o futuro do planeta. 

Agora ben, esta transformación debese facer sen trampas, como deslocalizar a produción máis contaminante (e o emprego) a outros países, para aparecer logo como herois da loita contra o cambio climático, mentres que as empresas abaratan custes en salarios, impostos e obrigacións medio ambientais. Non será o que en boa medida está a facer a Unión Europea nas últimas décadas?

Concretamente, durante este ano o Estado español que por unha banda pecha centrais térmicas, como a de Meirama e As Pontes, ao mesmo tempo merca electricidade producida con carbón a Marrocos. Seica a Unión Europea estaría sobre o tema e impoñería unha taxa a esta importación a fin de manter a capacidade competitiva da electricidade xerada na Unión. Trataríase deste xeito de  favorecer a produción atómica, na que Francia ten un papel relevante? Non sería máis lóxico que cada país procurase o auto-abastecemento, tendo en conta a perda de enerxía e custes extras nas longas distancias, e que a centralización aumenta o risco en caso dun corte eléctrico?

Asemade, non se pode obviar que hai outros factores importantes de contaminación, como é o aumento do trafico a grandes distancias, tanto pola globalización da economía, mesmo en aspectos nos que a produción local ten grandes vantaxes, como por un turismo de masas insostíbel. Tampouco se poden ignorar as enormes concentracións humanas nesta desfeita. Semella que hai moitos intereses, distintos aos ecolóxicos, para poñer o acento nuns aspectos esquecendo outros. A finalidade sería favorecer a determinados países, sectores e empresas, en prexuízo daqueles que teñen un papel subalterno na obtención de lucro polas clases dominantes. 

Salvar o planeta é fundamental, é unha tarefa colectiva, da que somos debedores das xeracións futuras. Porén isto implica que os custes e beneficios económicos e sociais hai que repartilos equitativamente, en función das capacidades; deben primar as necesidades esenciais, a xustiza social e a solidariedade.

Protexer os ecosistemas sen facer trampas

Te puede interesar