POTENCIALIDADES EXPROPIADAS

cada país ten as súas riquezas e limitacións. Por exemplo, moitos dos grandes produtores de petróleo, aséntanse sobre territorios desérticos e os inmensos beneficios que obteñen da venda de enerxía teñen data de caducidade, xa que se trata dun recurso finito.  No caso concreto da Galiza, contamos con pouco terreo agrícola, porén moi produtivo, potencialidade para a pesca (máis do 30% da produción do Estado), gandería e madeira (preto dun 50% da que se corta).
Asemade, malia que non posuímos petróleo e gas, xeramos enerxía eléctrica abondo para as necesidades do país e para exportar (1/3 parte). Grazas aos xacementos de lignito ate o seu recente  esgotamento, e hoxe pola produción de enerxía hidráulica e eólica, como consecuencia da nosa situación xeográfica, un morro adiantado no Atlántico, exposto ás borrascas e ao vento. A isto podemos sumar contarmos con rochas e minerais que exportamos, como o granito, lousa, silicio e dunita.
Estas riquezas non serviron de panca para desenvolver a industria, senón que foron exportadas en bruto ou cunha primeira transformación, que aportou pouco valor engadido á nación galega, non foron motor do emprego, nen do I+D+I. O único sector que tivo un desenvolvemento integral foi a pesca. Tamén o que sufriu máis pola integración na Unión Europea, xunto co agro-gandeiro.
A entrada na UE achegou estradas e “modernizounos”, mais ao mesmo tempo afondou as trabas ao desenvolvemento, agudizou os desequilibrios internos, e deu pulo á subordinación da economía.
Nen sequera conseguimos que o prezo da electricidade fose máis baixo na Galiza, tendo en consideración a perda que se produce no seu traslado e os custes da rede. Na práctica subvenciónase as autonomías e nacionalidades importadoras, por exemplo Madrid.
Non semella xusto, máxime cando moitas teñen unha renda por persoa máis alta; e no caso comentado, traballo e investimento inducido pola capitalidade e a forza do poder. O xusto é que a electricidade sexa máis barata alí onde se produce, e que as empresas e particulares residentes teñan esa vantaxe competitiva. Son aspectos que teñen actualidade cando está en cuestión o futuro de Alcoa.

POTENCIALIDADES EXPROPIADAS

Te puede interesar