PORCENTAXES QUE O DIN TODO

As estatísticas son clarificadoras. Na Galiza o PIB creceu un 0,4% durante o ano 2014, mentres que a media do Estado español (EE) foi do 1,4%. O medre da economía susténtase no consumo. É de supor que incidiu o aumento do turismo e que a clase media perdeu o medo, xa que as exportacións non creceron, amosando que non se corrixiron as eivas estruturais. Malia que o incremento do PIB aínda é baixo, significa unha recuperación; mais vai acompañada de emprego precario e baixos salarios, e dun aumento da desigualdade social. Consecuencias: situacións familiares dramáticas e unha enxurrada emigratoria ao Estado español e ao conxunto da Unión Europea.
A crise está a consolidar un novo reparto dos ingresos entre clases sociais, en beneficio da burguesía, e ademais aumenta a centralización da riqueza e do poder a nivel territorial. Contribúen a esta tendencia as grandes empresas e a centralización das competencias, por exemplo coa Lei de Mercado Único.
Nos anos previos á crise, e máis aceleradamente durante esta, Galiza perdeu todo o control sobre sectores estratéxicos, como son o crediticio, enerxético e alimentar. Acentuouse un proceso que nunca deixou de estar presente, xa que a autonomía non corrixiu a discriminación secular, dado que non pasou dunha descentralización administrativa, e as competencias estratéxicas seguiron en mans do Goberno central, ou sexa, do centralismo.
En tres décadas, pasamos de termos o 7,84% da poboación do Estado ao 5,9%. Hoxe deberíamos ter 900 mil habitantes máis, de seguirmos o nivel de crecemento da media, e non medrase a dependencia. Non foi así. A locomotora, na que tanta confianza ten Feijóo, non arrastrou  o vagón de cola (Galiza), senón que o foi desfacendo para alimentar a caldeira.
Daquela, non é estraño que o ano pasado España aumentase en 433.900 persoas a poboación ocupada e Galiza baixase en 2.200, e que a nosa situación demográfica sexa gravísima. A xente non vive do aire e non ten fillos e fillas por deporte.
Estes datos merecen unha autocrítica e rectificación da Xunta de Galiza, do PP, das súas políticas. Non penso que a fagan agora, cando non o fixeron en décadas.

 

PORCENTAXES QUE O DIN TODO

Te puede interesar