Poñelo todo ao servizo do negocio

Os dous puntos máis quentes do planeta son o Oriente Medio e a península Coreana. Sen esquecer  que en calquera intre os conflitos do Donbass e do Pacífico Sur poidan sumarse a esta lista. En todos os casos, e para alén dos actores locais e rexionais, existe unha liorta entre as principais potencias. 
Por unha banda Estados Unidos e aliados que queren manter a hexemonía absoluta, conseguida coa caída da Unión Soviética. E por outra banda, Rusia e China, potencias rexionais e países que defenden a súa soberanía, que queren un mundo multipolar. Non se trata de cuestións de simple protagonismo político. O que está en disputa é o papel de cada país na economía mundial, co que isto implica en desenvolvemento, beneficios empresariais e creación de emprego. 
Neste contexto, malia que se trate dun xogo moi arriscado (e incentivado polo Partido Demócrata), a política de Trump ten unha lóxica. Se non fose así, tería sido deposto polas clases dominantes estadounidenses. Estas, por distintos motivos, semellan estar satisfeitas co actual goberno. Unhas polas rebaixas nos impostos. Outras, porque poden explotar sen limitacións os recursos enerxéticos e mineiros en áreas antes protexidas. 
E tamén están as que fan un bo negocio vendendo armas e alugando mercenarios, grazas as tensións xeradas en medio mundo. Por iso a economía vai ben nos Estados Unidos, malia que todos os anos se sume un país máis á desfeita, e unha gran parte da humanidade perdese toda esperanza de avanzar cara unha sociedade máis xusta. 
Mesmo os dereitos democráticos básicos están recuando, malia que exista un avance no relativo á igualdade de xénero e  ao recoñecemento da diversidade sexual. 
A decisión dos Estados Unidos de manter tropas en Siria, de xeito ilegal, sen ningún acordo co Goberno dese país e sen mandato internacional, hai que entendela como parte desta disputa. Por iso a Unión Europea, e ningún dos estados que a integran, expresou a menor critica, obviando o dereito internacional, baixando a cabeza diante da imposición de Washington. 
Nesta inxerencia contou co apoio de Francia, Reino Unido e mesmo de Alemaña. Ningún deles o fixo oficialmente, todos con nocturnidade. Na práctica Siria será dividida, como Libia, Iraq e Iemen. Todo vale. 
A estratexia militar está ao servizo do negocio. Por iso o dólar non é hoxe unha moeda sostida no valor da produción ou de reservas estratéxicas, senón no poder dunha potencia para impoñer a súa vontade a través das armas. A isto algúns chámanlle democracia.

Poñelo todo ao servizo do negocio

Te puede interesar