A política da felicidade

Dende a súa orixe, a esquerda distinguiuse por procurar un mundo no que se garantise a xustiza social, a democracia popular, e a soberanía nacional, mentres que a dereita centraba todo no medre económico, no poder. A estes principios sumáronselle outros, consecuencia dos novos retos da humanidade, como a defensa dos ecosistemas e da paz. Porén, nas últimas décadas foi tomando corpo en sectores da esquerda destacar a importancia da felicidade, da realización persoal, como parte esencial da transformación colectiva. Así, escóitase a dirixentes políticos que colocan este aspecto en primeiro plano, e séntense obrigados a ofrecer sorrisos, malia que falen das cuestións máis dramáticas e problemas máis graves da sociedade. 
É gratificante que a xente sexa feliz. Claro que cada un, home e muller, moza ou vello, é feliz dun xeito distinto, e nunca de modo permanente. Son felices os pobres e os ricos, tamén pasan momentos de tristura, de inquedanzas, de preocupacións. Por exemplo, para unha dirixente política debe ser un momento de felicidade ou de alegría convocar unha manifestación cunha participación masiva, e gañar unhas eleccións. E dá tristura baixar en votos, perder capacidade de convocatoria na rúa. Tamén hai momentos que son dramáticos, como confrontar contra a ditadura e poñer en risco a vida, son decisións que non implican amargura, nen felicidade, senón a satisfacción do deber cumprido. Hai un xeito distinto de sentir a felicidade por cada persoa, mesmo hai quen a procura a través da droga, da violencia, dos cartos. 
A felicidade non é un obxectivo político, como por exemplo, garantir traballo e pensións dignas a todos e todas, servizos e prestacións públicas esenciais como a sanidade, educación, e atender as situacións de dependencia. Ou como garantir a defensa e potenciación da nosa cultura e lingua, e o dereito dos galegos e galegas a decidir o futuro, sen límites, subordinacións e dependencias. Non sei se estas garantías fan felices a todos e todas, porén son esenciais para que a xente poda vivir dignamente e resolver mellor as complexas necesidades humanas. Sen dúbida para isto está a política.

A política da felicidade

Te puede interesar