PODEMOS BOTA A LIÑA PARA A MARXE DEREITA

Entre moitas persoas de esquerda e nacionalistas hai a idea de que todo debate interno que atinxa a este bloque ideolóxico fortalece as clases dominantes. Trátase dunha concepción errada porque é imposíbel avanzar sen rectificar, tanto se son propostas como ideas e estratexias trabucadas, e sen que o debate se socialice. Non facelo é copiar da dereita, dos seus métodos autoritarios, que realizan as discusións de costas á militancia e ao pobo, rexeitando calquera autocrítica e responsabilidade. Esta postura alenta a despolitización, mingua a participación, e só constrúe novas elites, doadas de manexar polos donos do diñeiro. O importante é como se enfoca a crítica, como se distingue o adversario das contradicións no campo popular, no respecto polos demais. Por certo, hai moito escrito sobre o tema, dende Lenin ate Mao.
As declaracións de Pablo Iglesias a varios medios non se poden obviar, dada a importancia de Podemos no eido institucional, xa que sinala con toda claridade a súa folla de ruta. Chama a atención que descualifique tan duramente a Esquerda Unida: “por que temos que nos presentar a unhas eleccións con alguén que o ten feito tan mal? (...) que a xente de Esquerda Unida se incorpore ao noso proxecto e traballe.” E engade: “deixa de estar preocupado das cousas que nos facemos e que nos propomos. Segue vivindo o teu pesimismo existencial. Cócete na túa salsa ateigada de estrelas vermellas, mais non te achegues, porque precisamente vosoutros sodes culpábeis de que non mude ren”. Semella moi soberbio, porque alén dos erros, este partido ten unha historia como forza de oposición. Son verbas, sentencias, que sempre estiveron nos beizos da dereita.
Non deixa de ser unha expresión dun xeito de entender e facer, no que a escenificación ten máis importancia que os obxectivos, que nunca se expresan con claridade, e que varían segundo o momento, o ámbito e o público. O importante seica é gañar as eleccións, o poder. Mais iso é a esencia dos partidos sistémicos (a casta), e polo que son funcionais aos poderosos. Para mudar as cousas fai falla modestia, empuxe, mais tamén organización, experiencia e primar os obxectivos.

PODEMOS BOTA A LIÑA PARA A MARXE DEREITA

Te puede interesar