Pensar con estratexia

Vendo dende fóra o conflito que se dá na Marea resulta evidente que ademais da loita polo poder existen diferenzas de fondo, sobre o tema nacional galego, encol do papel da autoorganización. Non é algo secundario. Máxime nun país como o noso que xoga un papel tan subalterno dentro do Estado, no económico, político e cultural. Ademais, resulta obvio que existe interese, especialmente no sector “critico”, en centrar todo o debate nas formas (nas garantías electorais), para non ter que xustificar a contradición entre a defensa do dereito de autodeterminación e ter unha actitude subsidiaria no plano institucional con poder (Estado, Europa). 

As Mareas están fracturadas. Sábeno as partes. Os “críticos” teñen decidido marchar ao perder as eleccións internas. Polo que buscan desgastar ao máximo a “marca”, para recoller cunha nova formula a maioría do seu electorado. Pode ser lexitimo, porén son maneiras de facer política que non pensan no futuro, máis propias das forzas sistémicas que de quen procura cambiar a realidade. O correcto sería negociar a ruptura, de xeito tal que no futuro non se rache o fundamental: a unidade na mobilización sindical e social. Mais todo indica que as prioridades son outras. Evitar que existan novas candidaturas que poñan en perigo as maiorías nos concellos onde se goberna; ou que resten deputados/as que se consideran propios. Con esta visión a disputa polo espazo electoral é un tema central. Nada que ver coa xustiza social e a soberanía nacional.

Sempre pensei, vexase meus artigos cando rachou o BNG e naceu AGE, que manter a iniciativa e a unidade na mobilización son fundamentais. Tratase de asegurar a máxima militancia e activismo, aínda que estea fracturada en varias opcións electorais. A praxe política, o traballo sindical e social, irá fortalecendo as complicidades pola base e coa base. Dando folgos á reconstrución consciente, potenciando os obxectivos transformadores e o suxeito para o cambio. Cómpre pensar no longo prazo, estratexicamente, abonda de foto fixa, de respostas defensivas e de espontaneísmo. E isto é valido para o nacionalismo galego e para a esquerda en xeral. 

E, para evitar un debate constante sobre o intervencionismo telemático abondaría con volver ao voto en urna, que ademais implica cando menos o compromiso de desprazarse. E que ser militante conleve o pago de cotas non simbólicas, de xeito que a participación, o protagomismo, vaia ligado como mínimo a unha contribución á organización, evitando súa dependencia do sistema.

Pensar con estratexia

Te puede interesar