A pandemia, democracia e desigualdade

Todo indica que xa ficamos metidos nunha segunda onda da pandemia do covid-19, e que esta vaga se estende a toda Europa (polo momento). Unha situación que contrasta coa de China e outros países do sudeste asiático. Dirase que se debe a que neste países existen governos autoritarios, que a povoación acepta resignadamente todas as directrices que lle dan. Como se non houbese ditaduras feroces, en  países máis ricos, onde a pandemia non ten freo. 

Tamén se di que China e outras nacións da contorna, como Vietnam, teñen unha experiencia anterior, como a do SARS nos anos 2002-2003, e que isto axudou a que houbese unha resposta axeitada da povoación. É verdade. Porén ademais ten que ver co papel determinante do sector público, e non só na sanidade, xa que este condiciona que que se garanta un ingreso e un posto de traballo, tanto durante a pandemia sanitaria como na crise económica que a acompaña. 

Tampouco se pode ignorar que non foi correcto, despois de conter a primeira onda, sementar a idea da nova normalidade, e de que o fundamental era recuperar o turismo e a hostalería como aspectos centrais para evitar a crise económica. Actividades que están unidas á mobilidade, ao amoreamento. Unha predica no económico que contradí o discurso sanitario de manter a disciplina social (distancia entre persoas, evitar as concentracións, etc.). 

Asemade, resulta evidente que non se reforzou o sistema sanitario, especialmente en persoal, e que tampouco se fixeron as rectificacións necesarias nas residencias da terceira idade. Evidentemente non se pode obviar que esta é unha situación nova, que todos estamos a aprender, porén debería existir algo de autocrítica, de ver porque hai países que son tan grandes como un continente onde o están a facer mellor, tamén no plano económico, cando teñen unha renda por persoa moito máis baixa, e problemas demográficos e ecolóxicos máis agudos. 

Non será o momento de falar claro? e dicir que o covid-19 aínda vainos acompañar un ou dous anos, como afirman os especialistas, e que iso implica modificar hábitos de vida e comportamentos sociais de todos e todas, vellos e novos, sen paternalismos. Porén, para que isto se asuma pola sociedade hai que garantir un modelo económico e social que impida as situacións de marxinalidade e pobreza, e que asegure á povoación métodos de control democrático tamén nos confinamentos. A pandemia non pode estar ao servizo da centralización e concentración do poder e da riqueza como está acontecendo. Hai que virar e dar un pulo cualitativo. 

A pandemia, democracia e desigualdade

Te puede interesar