O que nos corresponde

É positivo que o PPG utilizase o mapa e a bandeira de Galiza durante a campaña. Para alén de que  fose un engado electoral, contribúe a potenciar a conciencia de país. Tamén é positivo que na investidura como Presidente fose reiterativo nas referencias a Galiza, e que no acto aberto posterior, a gaita, o instrumento musical máis ligado á nosa identidade como pobo, tivese un papel protagonista. Sen dúbida está a anos luz de Rajoy, que nen sequera foi quen de facer un paragrafo do seu discurso en galego, tendo nacido nesta Terra... Claro, el é español, “mucho español”. 
Agora ben, o que resulta negativo para Galiza é ofrecer a máxima lealdade ao Goberno de Rajoy, e despois dicir que queremos o que nos corresponde. Unha afirmación que deste xeito carece de valor, xa que hipoteca os obxectivos de Galiza ás decisións que se tomen en Madrid, máxime cando o condicionante do “que nos corresponde” non se sustenta en obxectivos verificábeis. Por exemplo, en materia de servizos públicos, infraestruturas, desenvolvemento económico, eliminación do desemprego e da precariedade laboral, pensións dignas, etc. Ademais, tal como se afirmou, semella que abondaría con que outras nacionalidades ou autonomías non conten con maiores recursos, mesmo que iso supoña un retroceso nas competencias autonómicas en beneficio da súa centralización no Estado español. Ou sexa, que o papel da nosa nación sería server de contrapeso aos reclamos soberanistas de Catalunya e Euskadi. 
Aínda que Núñez Feijóo fala de diálogo coa oposición, e escenifica un achegamento ás preocupacións das maiorías, as eivas existentes non se van solucionar con boas palabras. Cómpren políticas que poñan ás clases populares no centro do relato e do protagonismo, e recobrar toda a soberanía que sexa posíbel neste momento histórico. E iso implica cambios nas prioridades das accións de goberno en todos os ámbitos, e unha relación non subordinada ao Goberno central e á Unión Europea. De non facelo, todo ficará reducido ás boas maneiras, e a un discurso que non se corresponde coa práctica. E esta rica nación seguirá perdendo poboación, emprego, potencialidade cultural e identidade propia.

O que nos corresponde

Te puede interesar