Non todo segue igual despois das eleccións

Aínda que a pretensión de Sánchez fose non depender do soberanismo catalán e vasco, e restarlle peso a UP e obrigalo a aceptar un pacto de mínimos e sen presenza no Goberno, os resultados déixanlle por diante un panorama máis complexo. E, ademais, cando falou ás persoas concentradas ao final das votacións estas volveron a teimar cos seus berros na procura dun acordo con Iglesias. Agora ben, mesmo así os números non dan, xa que ambos partidos perderon 10 deputados/as, Máis País só suma tres, polo que necesitan dos partidos rexionalistas e de boa parte dos soberanistas, incluídos algúns dos cataláns. 

Tanto a extrema dereita como os partidos soberanistas ou provinciais son os triunfadores da xornada, polo que polarizase aínda máis a disputa sobre o dereito a decidir, e sobre todo a oposición ao centralismo. A diferenza, e quero facer énfase nisto, é que ao ampliarse a cuestión para alén das nacionalidades históricas, pretender desmontar o Estado das Autonomías, como predica VOX e aplauden en silencio os demais partidos da dereita, tamén choca coas reivindicacións de Cantabria e Teruel, por poñer só dous exemplos. Pretender solucionar estes atrancos pola vía represiva ou xudicial o único que conseguirá é alimentalos, máxime nun contexto no que a crise económica, social e ecolóxica, deslexitiman as propostas sistémicas. 

Ao PSOE só lle quedan tres saídas, ou pactar coa súa esquerda e o soberanismo, ou facer un goberno virado á dereita co PP, ou convocar novas eleccións A primeira ten as súas dificultades para un partido comprometido coa globalización neoliberal, porén as dúas últimas serían un suicidio. 

As eleccións deixan tamén súas consecuencias para a nación galega. O PP non acadaría votos abondo para repetir na Xunta de se manter e os resultados do 10 de novembro. Estes permitirían ao PSOE formar goberno co apoio de UP e o BNG. Porén, cada elección ten as súas características, xa que unha parte do electorado vota distinto segundo o ámbito da convocatoria. Mesmo así Núñez Feijóo vaino ter difícil, especialmente cando está a facer tan pouco para solucionar a desfeita industrial e demográfica. 

A outra novidade destas eleccións é que o BNG recupera a representación no Congreso, aumentando un 30% en votos respecto do 28 de abril, malia que medrou a abstención. Un ascenso que seguramente será moito maior nas autonómicas, se temos en conta a tendencia ascendente. Galiza fortalece así seu protagonismo no Estado en momentos decisivos. Non todo foi negativo nestas eleccións.

Non todo segue igual despois das eleccións

Te puede interesar