Moncho Reboiras na lembranza

scoitei tres rafagas de metralleta sobre ás tres menos cuarto da mañá... dúas horas despois guindaron unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono para que se rendera... ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo”. Así contaba unha testemuña como hai 43 anos, o 12 de Agosto, a policía da ditadura mataba na rúa da Terra, no Ferrol, a Moncho Reboiras Noia, dirixente da Unión do Povo Galego, persoa chave na construción das “frontes de traballo” cultural e obreira. Ambas “frontes” tiñan o obxectivo de se transformar en organizacións de masas. E así foi, especialmente no ámbito obreiro, onde os xermolos sindicais e o Sindicato Obreiro Galego (SOG) foron alicerces dun proxecto sindical que, despois dunha historia complexa e moita aprendizaxe da práctica, deu como resultado o que hoxe é a CIG. 
Moncho Reboiras naceu no concello de Dodro, e de pequeno trasladouse coa súa familia a Teis, un barrio obreiro de Vigo. Estudou enxeñería técnica e ligouse ao grupo galeguista do padre Seixas. 
Participou na Asociación Cultural de Vigo e aportou o seu grao de area previo á folga xeral de setembro de 1972. 
Durante 15 días máis de vinte mil traballadores pararon, fixeron mobilizacións e barricadas e confrontaron coas forzas represivas. 
El foi quen “expropiou” a multicopista que  utilizou para divulgar o conflito Organización Obreira  (excisión de esquerda e galeguista do PCE). 
Coñecino meses despois de retornar da Arxentina, por mor dun accidente de coche, no que levei a peor parte, lesionei varias vertebras. El viunos a recoller. Despois vivimos xuntos un tempo nunha casoupa en A Coruña xunto con Manolo de “Remesar”, a preto da prisión. Ambos traballabamos de electricistas en empresas da cidade. 
Compartimos reunións e fixemos moitas viaxes xuntos polo país. Era unha persoa optimista, que valoraba a práctica e non desprezaba a teoría, e que lle adicaba todo o tempo ¡todo! á causa da liberación nacional e social. Tiñamos polo tanto moito en común. 
A evolución posterior da UPG afastoume del, e da organización por un tempo. No meu caso xa tiña convivido na Arxentina con métodos de traballo que consideraba fracasados, xa que necesitaban dunha acumulación de forzas que non existía na Galiza. 
Moncho Reboiras foi asasinado, só tiña 25 anos. Sen dúbida cómpre lembrar a súa contribución, entrega e coherencia, mais non debiamos deixar pensar na magoa de que se perdese un cadro político e sindical que puido aportar moito ¡moito! á construción do poder popular. 

Moncho Reboiras na lembranza

Te puede interesar