Moción de censura, razóns e tácticas

 decisión do PSOE de presentar unha moción de censura axita as augas políticas. Evidentemente Pedro Sánchez non tomou esta iniciativa só por cuestións sociais e de loita contra a corrupción, se así fose xa tería presentado hai tempo. Esta moción ten como obxectivo, aproveitando a condena do PP polo caso Gurtel e o sentir da xente, forzar ao resto dos partidos a apoialo para sacar a Rajoy do Goberno. E así superar o recuar da última década.
Esta iniciativa pon en perigo a continuidade no Goberno do PP, e polo tanto o futuro dun partido moi debilitado, malia que Rajoy aínda soña con recuperar os votos que se foron á abstención e a Ciudadanos. Este, polo seu lado, teme que o PSOE con varias medidas sociais e abrindo algún dialogo con Cataluña (sen facer cesións no tema da soberanía) recupere votantes en prexuízo dos de Rivera, que se consideraba o partido máis votado nas vindeiras eleccións. 
Do PSOE non se poden esperar cambios de calado, como demostrou cando gobernou. Lembremos a lei da “patada na porta” de Corcuera, a regresiva reforma das pensións de Zapatero, ou a postura de Sánchez a respecto da aplicación do 155 en Cataluña. Mais, neste caso está obrigado a tomar algunhas medidas en beneficio dos ingresos das clases populares e dos dereitos democráticos. É case seguro que se derrogue a contra-reforma laboral e das pensións, e a lei mordaza, todas elas iniciativas do PP. Algo factíbel, máxime cando estes temas acadaron un gran rexeitamento cando se debateron no Parlamento, malia a complexidade da súa composición. Se fose así o resultado das vindeiras eleccións podería non ser o que as enquisas predín.
Aínda que non é doado que o PSOE consiga os votos necesarios, xa que existen intereses moi diverxentes nos teóricos apoios, tampouco é imposíbel que a moción saia adiante. Este venres cada unha das forzas ficará fotografada. O resultado tamén condicionará a folga xeral do 19 de xuño. Se a moción ten éxito, a CIG terá que se replantexar o paro, e formará parte no imaxinario colectivo da derrota de Rajoy. E se a moción non sae adiante, refórzanse os argumentos para a convocatoria. En ambos casos, os sindicatos que non se sumaron quedarían moi en evidencia, pola súa pasividade e derrotismo, en momentos nos que era posíbel unha viraxe á esquerda. Mesmo que esta fose mínima, dado quen ten a iniciativa política. Os últimos acontecementos amosan máis unha vez que a  realidade non é unha foto fixa, que as contradicións non se eliminan, ignorándoas ou coa represión. 

Moción de censura, razóns e tácticas

Te puede interesar