domingo 05.07.2020

A mobilización baixo a lupa anti-terrorista

O pasado trinta de outubro realizouse no Ferrol unha manifestación, convocada por catro centrais sindicais, para expresar o desacougo e carraxe diante dun novo xuízo que criminaliza a acción reivindicativa da clase traballadora. Non deixa de ser un dato positivo, que en momentos nos que a unidade sindical por cuestións que superen a empresa ou o convenio son tan difíciles, que en aspectos democráticos sexa posíbel unha fronte común. Mais tamén é reflexo de que se poden vulnerar dereitos básicos en relación coa capacidade de protesta das centrais sindicais, ao debuxar unha liña imperceptíbel entre un altercado nunha manifestación pacifica e unha acción violenta con fins delitivos. 

Sen dúbida a base para tanto despropósito e inxustiza está na Lei Mordaza e no artigo 315.3 do Código Penal, que hai meses deberían estar derrogados, e tamén a reforma laboral. Será que non existe interese, que estas regresións democráticas rexéitanse nos discursos porén logo son de utilidade para adaptar o mundo do traballo aos intereses dos máis poderosos? 

Asi o destacaron nunha rolda de prensa os secretarios comarcais da CIG, CC.OO, UGT e a CGT, cando: “coincidiron en subliñar a importancia de manter a unidade na loita pola defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais e para frear a vaga represiva que se intensificou nos últimos anos de xeito paralelo á imposición das políticas de recortes (...) a represión contra Pintos reviste un carácter exemplarizante, xa que coa súa detención pretendíase enviar unha mensaxe a toda a clase traballadora da comarca, que naquel momento se estaba a mobilizar intensamente para esixir solucións á crise laboral e social ”.  

A López Pintos, hoxe xubilado, e no seu día secretario comarcal da CIG de Ferrol, a fiscalía pídelle dous anos de prisión, pola súa participación nunha protesta laboral de Navantia e Poligal no ano 2012, ao culpalo de atentado. 

Malia que houbo cargas policiais contra a concentración, e Pintos denunciou que foi golpeado e detido, e na comisaria agredido, ao non poder presentar testemuñas desestimouse a denuncia. O xuízo será dentro duns días. De confirmarse a solicitude de condena ingresaría en prisión, ao ter pendente de execución outra sentenza por participar en accións en defensa das mariscadoras de Mugardos. O tremendo é que, ademais de ter que esperar sete anos, mais unha vez as súas declaracións e das testemuñas que leve non terán o mesmo valor que as da acusación. Realmente existe a igualdade de trato para a clase traballadora?

Comentarios