Medra a desigualdade e as pensións están en perigo

Gobernantes, partidos e sindicatos fixeron valoracións do ano que pasou, e deron a coñecer as súas prioridades para o 2018. Nun informe do gabinete económico da CIG, en referencia á evolución das condicións da clase traballadora na Galiza, conclúese que: “medra a precariedade laboral, diminúe o poder adquisitivo e aumenta a desigualdade”. É unha valoración que contrasta radicalmente co optimismo do Presidente da Xunta de Galiza quen destacaba, días antes, o crecemento da economía e das exportacións galegas, as cifras excepcionais de turistas e o retroceso do desemprego. 
Ou sexa que mentres uns ven o vaso medio baleiro, outros veno case cheo. Cada un fala da feira segundo lle vai nela. En realidade, hai unha franxa da sociedade que ten un alto nivel de vida. Como negalo?! Porén, o desemprego é moi grande, e o subemprego alárgase cada vez máis entre as clases populares. Ademais, a porcentaxe non é mais elevada por mor da emigración e dunha natalidade regresiva. Os salarios medios son inferiores a antes da crise (un axuste), fanse moreas de horas polas que non se paga nen cotiza, e o capital estase concentrado e en mans foráneas. Non semella un cadro alentador, cando se analiza no seu conxunto. Necesítanse reformas sistémicas. Non abonda cunha boa xestión, aínda que esta sexa un aspecto esencial.     
Non menos alarmantes son as noticias a respecto das pensións que perden poder adquisitivo cada ano que pasa, e nas que as diferenzas de recursos entre ingresos e gastos son maiores. A orixe está no retroceso dos salarios, na alta taxa de desemprego, na fraude á Seguridade Social polas horas que se fan en negro. Por se non abondase, o Goberno subvenciona empresas e autónomos/as con tarifas planas reducidas a costa dos ingresos para as pensións. O resultado é que o Fondo de Reserva está practicamente esgotado, e Rajoy recorre a préstamos privados para facer fronte ao pago das pensións. A isto chámase desvestir un santo para vestir outro.  Cal é finalidade?
A situación é tan grave, que mesmo alguén tan moderado como o líder do PSOE, Pedro Sánchez, chama a realizar mobilizacións para asegurar o cobro das pensións no futuro, e propón como solución un imposto especial ao sector financeiro, para cubrir o déficit. Esta proposta, que parece positiva, ademais abre o debate cun abano máis amplo de solucións. 
Mais para non ser unha proposta oportunista e circunstancial, típica de quen está na oposición, necesita dunha autocrítica do seu partido sobre as posturas mantidas durante décadas sobre este tema. 

Medra a desigualdade e as pensións están en perigo

Te puede interesar