A maioría sistémica está garantida en Francia

Todo parece indicar que nas vindeiras eleccións lexislativas na Francia, para alén dos resultados concretos que acaden as siglas do grupo que apoiou a Emmanuel Macron para a presidencia, este vai ter garantido o apoio ao seu programa durante o mandato. 
Ate agora, foi quen de arrastrar boa parte do Partido Socialista e personalidades da dereita. E con seguridade, tecerá sen moita dificultade acordos con ducias de políticos locais que teñen garantida a elección no seu distrito á marxe da marca política coa que se presenten. 
As dúas alternativas que non se axustan a ese guión, as lideradas por Marine Le Pen e por Jean-Luc Melenchon, son incompatíbeis entre si, polo que conseguir a maioría ou apoios suficientes nos distritos electorais seralles particularmente difícil. Lembremos que existen na Francia 566 distritos unipersoais onde se elixen deputados/as nominais, dun total dos 577 que compoñen a Cámara. 
Polo tanto, a representación que obteñan na Asemblea Nacional será moi inferior ao peso real na sociedade, o que amosa ate que punto o modelo electoral francés corrixe (ou terxiversa) a vontade popular. 
Neste caso, máis dun 40 por cento do electorado pode ficar cunha representación mínima. Mesmo así chama a atención que o socialista Manuel Valls provoque maior rexeitamento (un 54%), que  Marine Le Pen (cun 53%). Isto amosa o grao de descontente social existente co sistema. 
Este último aspecto non é un tema menor. Máxime cando Macron fixouse como obxectivos, instaurar unha reforma laboral que implica un retroceso das condicións de traballo, así como acentuar a globalización neoliberal mediante novas transferencias de competencias a Bruxelas. 
Para alén da perda de soberanía, isto afasta os centros de decisións da xente, e ademais, trátase de institucións rexidas por cargos por elección indirecta. 
Estas características do modelo electoral francés alentan a mobilización social como vía de expresión. 
Polo que, tal como xa aconteceu co proxecto de reforma laboral de Hollande-Valls, o actual presidente non poderá evitar unha forte resposta obreira na rúa, con manifestacións e paros. E, o sindicalismo francés é teimoso e combativo.

A maioría sistémica está garantida en Francia

Te puede interesar