As leccións da pandemia

s organismos internacionais din que está é unha crise sanitaria, polo que cando exista unha vacina (a primeiros do vindeiro ano?), a actividade económica volverá aos parámetros anteriores. Un proceso de recuperación que comezaría despois do confinamento, que implicou un paro forzado de moitas actividades. Agora ben, resulta evidente que este era o escenario máis optimista, tal como se vai reflectindo a medida que pasa o tempo e a pandemia segue medrando en todo o mundo, e mesmo aumentan os contaxios en moitas áreas nas que se consideraba que xa estaba controlada, por exemplo na Europa occidental. 
O FMI estimaba que a caída ia ser este ano do -4,9% a nivel mundial, e dun -10,2% na zona euro, mentres que a OMC indicaba que o comercio mundial retrocedía no 2º trimestre un -18,5% respecto do mesmo período do ano 2019. As últimas valoracións consideran que até finais de 2022 non se vai recuperar a economía a niveis anteriores á pandemia. En poucas palabras, que a expansión do covid19 polo mundo, a súa incidencia sobre a sociedade e a actividade produtiva, poñen en evidencia que a crise terá un efecto máis profundo do que hai uns meses se consideraba. Hai sectores como o turístico e o ocio de masas, pensemos nos cruceiros e os espectaculos, que tardaran moito máis tempo en se recuperar, se algunha vez volven a ser como foron. 
Outro aspecto que ficará gravado no subconsciente colectivo, e nas prioridades políticas de cada nación, é a importancia de garantir o aceso aos produtos básicos, por exemplo no ámbito sanitario, e isto implica priorizar o local e rexional fronte á globalización. É verdade que non será doado vencer os grandes intereses corporativos e das potencias unidos á expansión neoliberal, porén aínda que se faga de devagar o cambio de tendencia non ten marcha atrás. Este proceso estará ligado ao fortalecemento dos servizos públicos, esenciais para a loita contra as pandemias e desastres. 
Haberá un cambio porque no pobo ficou gravado a lume que mañá pode xurdir outro virus máis agresivo, que a desfeita ecolóxica rachou o equilibrio coa natureza, que o amoreamento urbano, a estrema mobilidade, a pobreza e as guerras liquidadoras, sitúanos diante dun futuro catastrófico por máis impresionantes que sexan os avances científico técnicos. Non abonda con mellorar a sanidade e recuperar o PIB e a taxa de emprego, por esta razón, antes de que sexa tarde, cómpre dar un salto cualitativo nos métodos e relacións de produción, nos comportamentos e no modo de vida. 

As leccións da pandemia

Te puede interesar