A investidura como escenificación

A esta altura non é doado saber se ao final Podemos vai apoiar a Pedro Sánchez, aínda que todo indica que non, e se os partidos soberanistas se van abster. O discurso de investidura do candidato do PSOE salientou pola ambigüidade e por marcar distancias con Unidas Podemos e o soberanismo. Só fixo propostas ambiciosas respecto do tema educativo, na loita contra a violencia e pola igualdade de xénero, en relación coas cotizacións e prestacións aos autónomos/as, e cos contratos aos bolseiros. Propuxo medidas parciais e insuficientes no tema laboral: debate dun novo Estatuto do Traballo (que levará anos), a eliminación dos aspectos máis negativos da reforma laboral, e non concretou ren sobre pensións e dependencia. 

Non fixo mención a eliminar a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do C.P., e pasou por alto un tema tan importante como o territorial, nen sequera para facer referencia ao dialogo co independentismo catalá. Mentres que destacaba como central súa aposta pola UE, obviando o xiro á dereita do último proceso electoral, onde a socialdemocracia ficou marxinada en beneficio da dereita conservadora e liberal. E, o máis grave, asimilou a solución da problemática nacional no Estado español ao fortalecemento da UE, a unha aposta pola globalización neoliberal, e ligou o Brexit coas reivindicacións soberanistas e de máis competencias ás nacionalidades históricas. 

Foi un discurso ateigado de frases bonitas, como apostar pola tecnoloxía e modernidade, loita contra o cambio climático, igualdade, e democracia formal, sen tocar as bases do modelo económico e social, para alén dalgunha medida respecto das novas actividades ligadas á tecnoloxía dixital. Algo que xa está acordado na Unión Europea. Sen dúbida a proposta máis preocupante é esixencia da reforma constitucional para garantir que o partido máis votado poda ser investido impedindo os votos en contra, cando non quere formar unha coalición maioritaria, ou esta non se consigue por parte doutras forzas. 

A intervención de Sánchez pretendeu poñer contra a parede aos demais partidos, como responsábeis do bloqueo institucional, nunha actitude máis propia dunha forza disposta a convocar eleccións, nas que coida vai arrasar, que dun partido que busca apoios para gobernar. Esta investidura planificouse como unha escenificación de bos e malos, contando coa importancia mediatica do evento. Se esa foi a pretensión, non acadou os resultados previstos. Tanto UP como ERC e outros partidos desmontaron este falso relato. Implicará que o PSOE cambie de estratexia..?

A investidura como escenificación

Te puede interesar