jueves 18.07.2019

Imos cara unha nova crise?

rlando Caputo e Graciela Galarce son dous economistas que colaboraron co Goberno de Salvador Allende en temas relacionados coa minería do cobre, e que teñen publicados numerosos análises sobre a economía internacional. O último refírese á situación dos Estados Unidos e unha posíbel crise mundial. Utilizan na súa valoración o informe do Fundo Monetario Internacional nos que este rebaixa máis unha vez as expectativas de medre do PIB mundial. Contra o esperado a súa directora Cristine Lagarde gabou posteriormente a política dos Estados Unidos, porque “impulsou unha demanda sostida do sector privado xerando crecemento e emprego”. 
Caputo e Galarce contradín esta visión. Xa que no último ano caeu o investimento nos Estados Unidos, así como o medre do PIB, e sobre todo, retroceden os lucros das empresas manufactureiras e o consumo das familias. Polo que afirman: “a dinámica da economía mundial é moi fráxil e inestábel e está seriamente afectada polas políticas de Trump”.
Pola súa banda, o belga Eric Toussaint, doutor en ciencias políticas nas universidades de Liexa e Paris, coida que os principais factores para unha nova crise son: o forte medre da débeda privada e o med da especulación nos activos financeiros. Indica: “As burbullas especulativas son o resultado da política levada a cabo polos grandes bancos centrais (...) que inxectaron billóns de dólares, de euros, de libras esterlinas, de iens, nos bancos privados para mantelos a flote. Estas políticas (...) son chamadas de expansión cuantitativa ou de flexibilidade monetaria. Os recursos financeiros, que os bancos centrais distribuíron masivamente a bancos e empresas capitalistas doutros sectores, non foron utilizados para o investimento produtivo, serviron para adquirir activos financeiros”.
Estes serían os feitos que empurran a unha nova crise. Ademais, o capitalismo está na súa etapa senil, xa que non ofrece mellores expectativas á maioría social, polo que axe como unha bomba de reloxería. Ao que se suma, que as intervencións exteriores de Washington no eido militar, económico e os ataques na rede, aumenten a confrontación e os atrancos no comercio internacional, sen que exista unha aposta alternativa seria a prol dunha economía sustentábel, que reparta traballo e riqueza. 
Neste contexto non creo que, para evitar a crise, abonde con redefinir o papel dos bancos centrais, nen con atar en corto ás corporacións multinacionais, nen cunha nova moeda internacional ligada á actividade produtiva. Imos cara unha nova crise ou xa estamos nela? 

Imos cara unha nova crise?
Comentarios