A globalización neoliberal

As dúas principais economías de América do Sur, Brasil e Arxentina, non dan saído da crise, tanto en termos económicos como no aspecto social, xa que a desigualdade e pobreza vai a máis. 

A parálise ou o retroceso da economía é consecuencia da dependencia externa e do papel que xogan na cadea de valor en relación cos centros de decisión. 

Polo tanto, de pouco lles valeu a diversificación no comercio exterior, durante os gobernos progresistas, máxime coa agudización da confrontación entre o imperialismo hexemónico, Estados Unidos e aliados, e as potencias emerxentes, China, Rusia, India... 

Esta tendencia regresiva tampouco se solucionou cos gobernos de dereita, que utilizaron a crise para se erguer como alternativa. Aproveitando o triunfo electoral para realizar axustes laborais, nas pensións, nos servizos e nas prestacións básicas, coa escusa de reducir o déficit público e rebaixar salarios. Seica para facer máis competitiva a produción e crear emprego. 

Porén, na práctica estas medidas non axudaron a mellorar a economía, e diminuíron o consumo interno, deron pulo ás importacións de bens de luxo, pola concentración da riqueza nas clases altas, e aumentaron a taxa de pobreza. Por exemplo, na Arxentina xa atinxe o 32% da poboación. Unha desfeita.

A falta de eficacia da internacionalización para os países subalternos resulta evidente cando as empresas máis dinámicas pechan ou pasan a mans de empresarios foráneos, medra a desigualdade social e a precariedade, e existe unha forte corrente emigratoria (caso dos países de economías “en desenvolvemento” especialmente de África e América Latina, porén tamén daqueles que teñen un papel periférico e de pendente no centro do sistema, como Galiza, Lituania, Romanía...). 

Con estes exemplos quero amosar que, aínda que haxa diferenzas entre os gobernos de esquerda e da dereita sistémica, a estas alturas, dado a dependencia que teñen das grandes potencias, e das súas corporacións, a capacidade para modificar o papel que cada nación ten asignado na orde mundial é moi cativa. A menos que se rache co capitalismo neoliberal e globalizado, apostando por unha economía sustentábel, autocentrada, e redistributiva no social e territorial, onde o comercio exterior sexa complementar. Hoxe a internacionalización é o obxectivo principal, a utopía, especialmente para os países máis débiles e así lles vai. O que necesitan é unha maior autonomía para desenvolver as potencialidades internas e aumentar o valor engadido, superando a intercambio desigual e a dependencia.

A globalización neoliberal

Te puede interesar