• Lunes, 24 de Septiembre de 2018

A globalización fai auga

Un xornal alertaba, diante da protesta masiva de ensinantes e estudantes polos recortes do goberno Macri, de que existia un contexto semellante ao do Cordobazo de 1969.

Un xornal alertaba, diante da protesta masiva de ensinantes e estudantes polos recortes do goberno Macri, de que existia un contexto semellante ao do Cordobazo de 1969. Lembremos que este foi consecuencia da rebelión obreira, e que contou co apoio dun movemento universitario radicalizado. Sen dúbida en todo ese período, e non só na Arxentina, a alianza obreiro-estudantil foi esencial para o medre da esquerda, e a presentación dun bloque alternativo ao sistema. Agora ben, a situación neste intre no país parecese no ámbito económico e social, mais non na correlación de forzas. 
A crise é tan dramática, que o Goberno solicitou de urxencia ao Fundo Monetario Internacional un crédito para salvar os problemas derivados da caída do peso fronte ao dólar. Unha cuestión que non é menor nunha economía tan aberta, dependente, máxime tendo en consideración os criterios de axuste que normalmente acompañan os acordos co FMI. 
Unha gran parte da poboación está impactada pola caída tan rápida e grande do peso, malia os sucesivos aumentos das tarifas dos servizos esenciais para reducir o gasto (tarifazos), e a proposta dunha reforma laboral. Asemade ficou patente a escenificación dun sainete cun problema tan sensíbel como o aborto (cuxa legalización é necesaria e urxente), o que evidencia a falta de proxecto e de honestidade do Goberno. Ademais, a evolución da economía pode recuar máis dun punto este ano, os xuros atinxiron o 60%, e a taxa de pobreza chegou ao 33% dos fogares. 
Esta desfeita deixa en entredito a proposta electoral de Macri a prol inserir ao país na globalización neoliberal (“volver ao mundo”). Esta aposta aumentou a desigualdade, a desindustrialización, mentres que non chegou o investimento exterior prometido: salvador do emprego e dinamizador da economía. O limitado capital exterior dirixiuse a controlar os sectores máis dinámicos e ao consumo interno. Ábrese polo tanto unha situación complexa, onde as mobilizacións estarán á orde do día. Mesmo así, e que Macri perda as próximas eleccións, non está claro que o kirchnerismo gañe e, sobre todo, que este ou unha outra forza con propostas que non reconsideren o modelo sexan quen de consolidar o desenvolvemento. 
Vivimos nun mundo interdependente, mais: en que medida? baixo que controis? como se garante a soberanía nacional, a xustiza e a democracia? Non valen as regras do pasado e tampouco as imposicións das elites. Grecia e Arxentina non son a excepción, senón a cara escura do sistema, da súa volatilidade e inxustiza.