A fiabilidade das estatísticas

Durante o ano 2017, segundo datos do Ministerio de Emprego, houbo no noso país 79 folgas, que abrangueron a 39.977 persoas e sumaron un total de 159.566 xornadas. Galiza foi o segundo territorio do Estado en conflitividade laboral, só superada por Cataluña. Neste último caso, os paros atinxiron a 2.535.243 de participantes, incidindo nesta cifra as dúas folgas xerais convocadas no marco do conflito político. Chama a atención que o noso país adiante, en participantes e días de paro, autonomías e nacionalidades que nos superan en persoas asalariadas, como é o caso de Andalucía (36.337 xornadas), Madrid (128.678) e Valencia (28.274). En resumo, aínda que deveceu moito a conflitividade laboral, en relación á década anterior, Galiza segue na vangarda das loitas sobre as condicións de traballo. 
Chama a atención que nos primeiros anos deste duro axuste laboral e territorial, as xornadas non traballadas sexan tan poucas, segundo as estatísticas, máxime cando se fixeron catro folgas xerais. Concretamente, segundo as publicacións do Ministerio de Emprego, en 2010 non se traballaron 20.071 xornadas, en 2011 foron 16.932 e en 2012 serían 32.014 xornadas. Véxase a diferencia abismal a respecto do 2017, ano no que non houbo ningún paro nacional. Lembremos que no 2010 fíxose unha folga xeral o 29 de setembro contra a reforma laboral do PSOE; no 2011 un paro xeral o 27 de xaneiro en Galiza contra a reforma das pensións, tamén durante o goberno de Zapatero; e no ano 2012, o 29 de marzo e o 14 de novembro realizáronse senllas folgas xerais contra as reformas laborais do PP. Todos foron paros cun gran seguimento, especialmente as dúas folgas de 2012, tal como se comprobou nas inmensas manifestacións nas cidades e vilas galegas en horario de traballo. 
Os datos non cadran. E todo indica que se excluíron as folgas xerais das estatísticas que nos ofrece o Ministerio, aínda que se suman os paros realizados o ano pasado en Cataluña. Cal é a razón para que se utilicen criterios contrapostos? A exclusión dos paros xerais na Galiza distorsiona a realidade, cando se debería reflectir con toda exactitude o grao de conflitividade laboral. No relativo ás relacións laborais, as estatísticas e enquisas tamén tenden a restar peso á degradación das condicións de traballo (horas extras polas que non se paga e cotiza, falsos autónomos, o engano do “traballo colaborativo”, etc). Ten isto unha finalidade política ou doutro tipo? As estatísticas deben reflectir coa maior exactitude a realidade!

A fiabilidade das estatísticas

Te puede interesar