Falsas escusas para rebaixar as pensións

A Unión Europea pide ao Goberno unha redución do gasto de 11 mil millóns, para cumprir os compromisos de déficit o vindeiro ano, e o Banco de España pon énfase no gasto das pensións e no aumento do salario mínimo. En ambos casos nen unha soa palabra respecto de que dende 2009 os/as asalariados perderon, por exemplo na Galiza, 5 puntos no reparto da renda, e falamos de máis do 80% da poboación ocupada. 
Respecto das pensións hai que diferenciar entre aqueles que se xubilan cumprindo como mínimo os requisitos necesarios, daquelas persoas que aceden a este dereito a través de criterios de solidariedade. 
No primeiro caso non se trata dunha prestación pública senón dun dereito adquirido, contraído polo Estado, polo que non pode poñer a debate o pago e tampouco que se actualice como mínimo co IPC. 
O criterio utilizado foi que unha parte do salario dos/as asalariados (directamente ou a través da patronal) ingrese na Seguridade Social e utilizase para pagar ás actuais pensións. Ou sexa, tratase dun sistema de solidariedade entre xeracións, que só indirectamente depende da contía dos ingresos actuais (é dicir: do reparto da renda entre traballo e capital).
Outra cuestión son as prestacións de viudedade e orfandade, e de persoas que non cumpren os requisitos mínimos para a xubilación, neste caso estamos a falar de criterios solidarios. Polo que é lóxico, como respecto doutros temas, que o seu custe sexa asumido polos orzamentos xerais. 
Unha situación distinta é a dos autónomos, que como é lóxico procurase que teñan iguais condicións cos asalariados, mais isto implica cotizacións semellantes. Sen dúbida hai que buscar unha solución a este colectivo, mais non se pode utilizar o sistema xeral como paraugas, e para estender a responsabilidade do déficit aos asalariados e asalariadas. 
Asemade, cando se di que os salarios máis altos perden ingresos co sistema público, xa que se lles obriga a compensar aqueles sectores con ingresos baixos, cómpre aclarar que non é certo. Débese  ter en consideración que un peón vive de media dez anos menos que un medico. 
Un diferencial que tamén se dá entre homes e mulleres, en beneficio do xénero feminino. Sen dúbida son necesarios servizos e prestacións públicas que garantan condicións de vida dignas a todas ás persoas dependentes, tanto sexa en razón de eivas físicas como de idade, mais cómpre diferenciar entre os dereitos adquiridos e o que é resultado da solidariedade,... a menos que se opte por un sistema máis igualitario, como sería o socialismo.

Falsas escusas para rebaixar as pensións

Te puede interesar