Estratexia, poder e diñeiro

Algúns medios destacan a desaceleración da economía en China, como consecuencia da imposición de taxas dun 25% ás importacións de produtos por parte do Estados Unidos. Aínda que ambas potencias déronse un tempo para intentar chegar a un acordo nos vindeiros meses, os efectos xa se fan sentir na balanza comercial do xigante asiático e poden poñer en perigo os obxectivos de PIB para o ano 2020. Mesmo sendo así, a economía de China medrará por riba do 6%, un valor moi superior ao crecemento de calquera outra potencia e do 3,7% da media mundial. 
Asemade, mesmo que a China lle leve seu tempo reconverter o modelo económico, o mercado interno e outros países alternativos terminaran por substituír aos Estados Unidos e aliados. Por outra banda estes atrancos non farán máis que acelerar un axuste de modelo que estaba planificado, xa que o Goberno decidiu apostar por unha economía menos dependente nas exportacións e máis diversificada, pola protección dos ecosistemas, un crecemento territorial máis equilibrado e unha redución das desigualdades sociais. 
E, sendo certo que a economía norteamericana crece a bo ritmo e o desemprego está en mínimos, o déficit exterior non deixa de medrar e nada indica que o medre actual do PIB se manteña. O FMI pon límite a esta expansión no ano 2020. Polo que a aposta de Trump pode non dar os resultados desexados a medida que se consolide a confrontación con China, e rematen os efectos das rebaixas fiscais ás empresas. Ademais a maior parte do comercio entre ambos países son intercambios internos das corporacións occidentais, esencialmente estadounidenses. E sendo verdade que moitas trasladaron súas fábricas a outros países polo aumento dos salarios en China, que hoxe están á par dos mexicanos, tamén resulta evidente que un cambio deste tipo leva anos, décadas. 
En resumo, a guerra comercial iniciada por Trump pode ter un efecto negativo maior do esperado na economía occidental e Xapón, como recoñece o FMI, que sobre a de China. Aínda que isto non sexa un consolo para ningunha das partes afectadas, Pequín semella ser a máis consciente. Todo indica que a globalización estará sometida a novas regras de xogo (o proteccionismo) nas que economía e poder militar estarán máis asociados que nunca a criterios estratéxicos. Daquela que na UE haxa países que aposten por dar maior dimensión ao mando militar europeo, coa escusa da seguridade, da actitude hostil de Trump e súas accións imprevisíbeis. Todo vai de cartos e poder, con pouca marxe para a negociación.

Estratexia, poder e diñeiro

Te puede interesar