Escocia e Cataluña, dúas varas de medir

amaioría dos medios do Estado español (EE) destacaron que a manifestación a prol dun novo referendo e da independencia de Escocia axuntou cen mil persoas en Glasgow, a principal cidade deste país. No referendo que se realizou no ano 2014 gañou a permanencia no Reino Unido por unha diferenza de dez puntos. Agora ben, o que chama a atención non é tanto que esta noticia teña repercusión, algo que é lóxico, senón que se trate o tema con tanta simpatía cando nun caso semellante como é o catalán todo son descualificacións e xustifícanse os atrancos. 
Resulta evidente que existe unha dobre vara de medir, xa que os altos cargos en Bruxelas alentan no caso de Escocia a independencia, para que se manteña na Unión Europea. Este xeito de facer non é unha novidade, o propio sucedeu respecto da desintegración da Unión Soviética e de Iugoslavia. O que se bendice nun caso non se recoñece noutros, como en Somalia, o Curdistán iraquí e Absajia, por nomear algúns exemplos. 
Cando se compara Escocia, Quebec e Cataluña, non se pode obviar que o Reino Unido carece dunha Constitución, que Canada é unha confederación e o Estado español obedece a unha estrutura onde a soberanía reside na práctica no antigo Reino dominante. No caso de Escocia houbo un acordo de unificación con Inglaterra en 1707 que calquera das partes pode dar por terminado. No Estado español coa eliminación do antigo réxime non desapareceu a monarquía, mais aproveitouse a conxuntura para suprimir como suxeitos de dereito os reinos sometidos. Fulminouse así a soberanía dos territorios cun papel subalterno, xa secuestrada durante séculos, mais existente. Isto permitiu que a Xunta Suprema de Galiza durante a ocupación francesa asumise todo o poder, crease e dirixise un exército, e chegase a acordos de iguais con outros reinos do EE e europeos. 
A supresión dos reinos en 1833 e a imposición dun sistema que confrontaba dende a esquerda cidadanía con dereitos nacionais, e dende a dereita negaba por principio o carácter plurinacional do Estado, deron folgos a unha morea de conflitos entre centro e periferia que se estenderon até o día de hoxe. 
O cantonalismo, federalismo-confederación e independentismo foron expresión desta confrontación nos séculos XIX e XX. Hai quen converte estas constitucións preservadoras dos intereses das clases e territorios dominantes en palabra divina, cando non son máis que regras de xogo que expresan a correlación de forzas e realidade dun momento histórico. Non hai textos definitivos, máxime cando non son integradores. 

Escocia e Cataluña, dúas varas de medir

Te puede interesar