Entre o espellismo e a realidade

Os empresarios/as ligados ao turismo e a Xunta, tanguen as campás, cando afirman que o ano pasado visitaron Galiza cinco millóns de persoas vindas do exterior. Mesmo din que este sector dos servizos xa ten máis importancia que o metal. O falar non ten cancelas! Sendo positivo que exista unha importante afluencia de turistas, porque xera actividade económica e emprego, non se pode ignorar que non é comparábel a sectores como o metal, nen sequera ao automóbil ou ao téxtil. 
Ademais é unha actividade que trae aparellados problemas, especialmente na Galiza, polo seu impacto na sociedade e no medio ambiente, o carácter temporal e os baixos salarios dos contratos. 
Analicemos o tema máis polo miúdo. A estadía media dos turistas na Galiza é de dous días, quere dicir que teríamos que dividir dez millóns por 365 días. 
Falamos de 27.000 persoas día, ou sexa, dunha porcentaxe equivalente ao 1% da poboación galega. Mesmo supondo que dobren o gasto dos residentes, terían un impacto máximo do 2-3% sobre a economía. 
Esta incidencia céntrase en certas cidades e vilas e en períodos moi determinados. Dicir que o turismo xa representa o 10% do PIB é unha esaxeración, e ten unha clara intencionalidade política. Quérese escenificar un progreso que é máis un espellismo que unha realidade. 
Por esta razón, obviamente relacionada co PIB e a distribución da renda, baixamos en habitantes (baixa natalidade e emigración masiva da mocidade), malia se manter unha constante entrada de inmigrantes. 
Neste intre, están a medrar o sector do automóbil, a exportación téxtil (mais non o emprego), o turismo, e mesmo recuperouse algo o sector naval. 
Mais non se poden ignorar os atrancos da agro-gandaría, da pesca e da construción, o retroceso do audiovisual e do relacionado coa nosa cultura e lingua (por desleixo). 
A economía dun país, a súa sociedade, son un conxunto. 
Non se poden analizar parcialmente. Máxime cando os dados macro son negativos: en precariedade laboral, na alta taxa de desemprego, nos baixos salarios e pensións, e na constante perda de peso de Galiza con respecto ao Estado español. Para tirar conclusións hai que valoralo todo.

Entre o espellismo e a realidade

Te puede interesar