Ensinanzas do 8 de marzo

A xornada de mobilización co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora foi todo un éxito no noso país. O paro superou o esperado, e as manifestacións foron masivas. 
Os medios, que tiveron un papel importante na difusión da convocatoria, tiñan razón ao dicir que a desigualdade salarial e a violencia contra a muller xa estaba colocada no centro do debate antes da data, garantindo o éxito. 
É verdade, mais o fundamental é que as reivindicacións son xustas. Realizouse unha intensa campaña polo feminismo, e especialmente polos sindicatos e partidos de esquerda (destacando o ámbito do nacionalismo na Galiza), que foron as que levaron a acción de protesta a todas as empresas e vilas. 
Axudou na difusión e no resultado da xornada que fose unha convocatoria mundial, así como o grao de unidade nas accións programadas. Porén, todo indica que esta unidade conseguiuse renunciando á converxencia nas propostas a medio prazo, e a como se deben ligar os obxectivos estratéxicos noutros temas prioritarios na sociedade. 
Por exemplo: ás contradicións de clase, á cuestión nacional, ao problema ecolóxico, á loita pola paz e a democracia. Estes son os límites máis evidentes do éxito do oito de marzo, e todo fai pensar que as clases dominantes aproveitarán esta fenda para impoñer a súa versión de cales deben ser as solucións. Mesmo así, a xornada foi un salto cualitativo. Foino, porque puxo en primeiro plano a problemática de xénero, e ademais amosou que existe un contexto propicio para convocar accións de protesta máis contundentes, en relación a outros temas tamén prioritarios para a clase traballadora e outras camadas populares. 
Agora non hai escusa para non convocar manifestacións, xornadas de loita, e folgas, por problemáticas que todas as enquisas destacan como urxentes para o pobo, concretamente: o desemprego, precariedade, salarios, pensións, sanidade, ensino, dependencia... 
En boa medida este estado de ánimo xa se reflectiu con anterioridade nas mobilizacións dos/as pensionistas. 
Existe a convicción nos perdedores/as por mor da globalización neoliberal, que son ampla maioría, de que o futuro será peor, que os sacrificios e crecemento da economía só serven para aumentar os lucros das corporacións e a riqueza das grandes fortunas. 
O reto está polo tanto, en unir todas estas loitas de desesperación, co obxectivo de conquistar un mundo xusto e sostíbel, que redistribúa traballo e riqueza, garanta a igualdade, dignidade e a plena democracia, e a soberanía para o pobo e a nación.

Ensinanzas do 8 de marzo

Te puede interesar