Empurrar polo cambio

Hai trinta anos da folga xeral do 14 de decembro, que fora un éxito tan esmagador que o goberno de Felipe González deu marcha atrás na súa intención de impoñer o “Plan de Emprego Xuvenil”. Malia o nome en realidade tratábase de precarizar as condicións laborais da mocidade e rebaixar salarios. O paro xeral no noso país foi total. Aínda que a CXTG e INTG víronse forzadas a facer unha convocatoria e manifestacións propias diante da prepotencia de CCOO e UGT. Os resultados reflectiron a capacidade de cada quen, obrigando ao sindicalismo de ámbito estatal a rectificar, polo que a folga nacional do 2 de abril de 1992, baixo a consigna de “Todos por Galiza”, foi unitaria. 
Estase a repetir unha situación semellante, aínda que non idéntica, tanto pola caída do socialismo real como por un capitalismo na súa etapa senil, con todo o que isto implica. A cuestión non deriva hoxe do anuncio por parte do Goberno de medidas regresivas para a clase traballadora, senón porque as promesas respecto da derrogación das reformas laborais e das pensións, da Lei mordaza e do artigo 315.3 do CP, pasa o tempo e non se levan á práctica. Semella que todo se supedita a aprobar os orzamentos para 2019 sen realizar un cambio de orientación das políticas económicas, sociais e nos dereitos democráticos. Neste último aspecto é paradóxico que os imputados pola declaración da independencia de Cataluña segan en cadea, cando foi un acto simbólico. Ou que Carlos e Serafín, condenados a tres anos de prisión, por formar parte dun piquete informativo na folga do transporte de 2008 estean a esperar o indulto, despois de seis meses de goberno do PSOE. 
Non se pode negar o valor do aumento do salario mínimo a 900 euros mes en 14 pagas (en bruto), así como as promesas en pensións, dependencia, e outras prestacións. Se é que se concretan. Mais estes avances non se deberían cargar sobre as costas da clase traballadora con salarios medios, deben ser produto dunha maior presión fiscal sobre as grandes sociedades e fortunas. É o xusto! 
É posíbel reducir drasticamente a desigualdade, a pobreza, a precariedade e o desemprego. Neste aspecto é fundamental que o sindicalismo e os partidos da esquerda rupturista (tamén a nacionalista) preman ao PSOE, ou a quen estea no Goberno central así como na Xunta de Galiza, para que se realicen as reformas necesarias. A bolsa vota todos os días! Polo tanto a pasividade non é un cheque de confianza, senón un reforzo da explotación e opresión que é consubstancial con este sistema.

Empurrar polo cambio

Te puede interesar