Electrointensivas, distinta vara de medir?

 última puxa polo prezo da electricidade para o sector electrointensivo resultou para as empresas un fracaso. Polo que saltaron todas as alarmas tanto no noso país, así como en Asturias, Euskadi e Cataluña. As criticas céntranse na actitude pasiva do Goberno en relación con esta problemática, malia as promesas de garantir unha tarifa eléctrica para o sector que lle permita competir en igualdade de condicións con outros fabricantes europeos. Esta postura contrasta coa decisión, seica fundamentada na urxencia e no interese xeral, pola que o Goberno aprobou un Decreto-Lei o pasado 22 de novembro garantindo ás centrais eólicas e fotovoltaicas un mínimo do 7,09% de rendibilidade.

Segundo o Goberno non é legalmente posíbel estando en funcións aprobar o Estatuto de Consumidor Electrointensivo. Unha postura que para os empresarios e as centrais sindicais do sector queda en entredito co Decreto-Lei para as enerxías alternativas. Máxime cando os ministerios afectados din que xa teñen definido o seu contido e preparadas as medidas para abaratar a factura eléctrica das empresas electrointensivas, que afecta a cen mil empregos no Estado español e unha facturación de 20 mil millóns. Por que esta diferencia de trato? A escusa que dá o Goberno non convence, xa que ambos temas afectan ao interese xeral, e as electrointensivas teñen un efecto sobre o emprego moito maior.

A este respecto a CIG denunciaba respecto da situación do sector na Galiza: “a inoperancia, os incumprimentos reiterados e as mentiras diarias do Goberno español, tendo en conta que despois dun ano da publicación do RD 20/2018 que fixaba un prazo de seis meses para definir un estatuto para a industria electrointensiva, o que vemos é que non existe tal estatuto e que se agudizou a crise no conxunto do sector en Galiza”.

Asemade a central nacionalista tamén alertaba: “da parálise na fábrica de aluminio da Coruña ante o incumprimento, por parte do socio inversión, na execución do plan industrial anunciado e a falla de seguimento por parte do Goberno español; os ERTES nas fábricas de Ferroatlántica; e que Alcoa San Cibrao continúa coas series de electrólise paradas”.  A dirección desta última empresa acaba de anunciar que producir aluminio é inviábel con esta tarifa eléctrica. Lembremos que se trata da maior empresa da costa de Lugo. Cumprirá o PSOE co seu compromiso? Chegará a tempo para salvar a actividade en todas as empresas galegas do sector?... Esta moito en xogo. A mobilización segue sendo esencial para urxir solucións.

Electrointensivas, distinta vara de medir?

Te puede interesar