As eivas tamén son políticas

Poucos períodos, dende a desaparición da ditadura, foron tan negativos para Galiza como durante o goberno de Núñez Feijóo, tanto no económico, no social, no cultural, e na perda de peso político que o noso país ten no Estado español (EE). Non se pode xustificar todo este retroceso coa crise, como pretende o PP, e co argumento de que grazas a eles hai unha recuperación, porque o medre do PIB susténtase esencialmente en factores exteriores e conxunturais (petróleo, depreciación do euro, turismo, flexibilidade cuantitativa do BCE, maior investimento público polas eleccións, etc.). A debilidade do crecemento maniféstase nas altas taxas de paro, na emigración e nas previsións dunha queda da poboación da Galiza en 207.000 habitantes nos vindeiros quince anos. Nada reflicte mellor a perspectiva dun país que a súa evolución demográfica. 
Nestes anos, deterioráronse como nunca as condicións laborais. Tanto que soportamos as menores retribucións por hora traballada no EE, e ademais moitos contratados fan máis horas das que cobran e polas que os empresarios non cotizan. O medre do PIB está moi por detrás da media, xa que foi do 0,5% en 2014 fronte ao 1,4% no EE. No que vai de 2015, mantense este diferencial. A estes datos hai que engadir os atrancos polos que están a pasar sectores estratéxicos como o naval, pesca, leite,  etc., e que empresas esenciais para o país (banca, enerxía, pesca, etc.) pasasen a mans de grupos económicos foráneos.  
Diante dun futuro tan preocupante, o goberno do PP optou na Xunta polo perfil baixo, carecendo de calquera iniciativa. E as que tivo ficaron en pura propaganda ou con resultados ridículos, como no naval coa petroleira mexicana. A maioría das veces, Feijóo optou por ignorar o problema, como no caso do leite e do hospital de Vigo, deixando pasar o tempo para que a canseira dos que protestaban diluíse o problema, ou fose resolto polo Goberno central. 
Pódese dicir que o seu maior mérito é a capacidade para canear os problemas, para responder preguntas sen inmutarse, para irradiar optimismo cando o barco está medio afundido, e para baleirar a Xunta de Galiza do poder efectivo para incidir na realidade.
 

As eivas tamén son políticas

Te puede interesar