Economía e sociedade en tempos pandemia

Organismos tan ligados á globalización neoliberal como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial recoñecen que a superación da pandemia levará tempo, e que contribuirá ao aumento da desigualdade, como consecuencia dun medre do desemprego, precariedade e caída dos ingresos. Cun segundo gromo do covid-19 consideran que no Estado español paro atinxiría o 22% da povoación activa no próximo ano, e unha caída do PIB do 12,8% este ano (FMI). Para o Banco de España o PIB medrará no 2021 entre o 4,1% e o 7,3% no mellor dos escenarios.

Agora ben, para alén das cifras macro, e da evidencia que a crise económica e social que acompaña á pandemia vai afectar a todos os países e clases sociais dalgún xeito, o certo é que non vai atinxir a todos e todas por igual. Mesmo hai sectores económicos e grandes fortunas que están obtendo  fortes beneficios (farmacéuticas, comercio e actividades dixitais, etc.). No extremo oposto están aqueles sectores ligados á mobilidade: turismo, espectáculos, deporte e festexos, transporte, etc. 

Os anteriores son aspectos a termos en consideración porque todo amosa que estarán presentes durante os vindeiros anos, mesmo existindo vacina contra o covid-19. Así o recoñece o FMI que adía a “normalidade” a finais do ano 2022, polo que recoñece no discurso que serán necesarios cambios estruturais, aínda que despois na práctica sempre está na primeira liña da esixencia de axustes no investimento social, na redución de impostos e no equilibrio fiscal. Non podía ser doutro xeito, xa que para alén da posta en escena, e da mensaxe para a galería, trátase dun organismo ao ditado das potencias hexemónicas e grandes corporacións. 

Mesmo que esta sexa a tendencia xeral, non todos os países están a sufrir igual a pandemia, vexase a Nova Zelanda e tamén Cuba e Viet-nam. Asemade, os custes están afectando especialmente ás clases populares, e ademais non todos os governos teñen como folla de ruta recuperar a vella normalidade. Hainos, poucos, que teñen en conta a ruptura do equilibrio demográfico, a estrema mobilidade, a economía de escala, e as consecuencias da desigualdade e pobreza, como factores multiplicadores da expansión desta e futuras pandemias. 

Existen tamén visións oportunistas, especialmente nas potencias e corporacións. Nestes casos están deseñando e poñendo os alicerces para unha economía na que a limitación da mobilidade estea en función de acadar maior centralidade e control nos circuítos económicos. Será o que pretende  tamén Alemaña a través do fondo de recuperación?

Economía e sociedade en tempos pandemia

Te puede interesar