As dúas saídas da crise

Se por algo se distingue a actual situación no mundo é porque se dan ao mesmo tempo varias crise importantes, ás que lle deu folgos a pandemia do covid-19 que se estende polo mundo a un ritmo cada vez máis rápido, co que isto implica, tamén polo rebrote en países nos que parecía estar controlada. Esta traxedia, que amosa a fraxilidade da humanidade e a ruptura do equilibrio coa natureza, deu pulo a crise económica e social que estaba latente hai anos, tanto pola débeda soberana, como pola confrontación entre as grandes potencias, e o medre da desigualdade e a precariedade en todas as súas formas. 

Por se non abondase co anterior, a medida que aumentan os efectos regresivos do virus, e os Estados Unidos olla en perigo a súa hexemonía no ámbito tecnolóxico e militar, súmanse novas e máis perigosas iniciativas que aumentan as tensións. Como son a imposicións de sancións e vetos a empresas e dirixentes de China e Rusia, e a outras nacións que non seguen os ditados de Washington. Decisións que alentan a confrontación e ruptura, mesmo enredando no conflito a terceiros países, como é o caso da India, como antes se fixo con Xeorxia e Ucraína. 

Pretenderase dividir o mundo en bloques, temendo a dianteira de China en aspectos esenciais da economía dixital, e no plano balístico militar por parte de Rusia? Non sería unha novidade, trataríase de illar no económico a estas potencias emerxentes forzando a Xapón, a UE e outros países desenvolvidos, a aceptar a construción dun cerco económico, militar e informativo, buscando repetir a experiencia do colapso da URSS. Daquela que neste tema haxa tanta afinidade entre demócratas e republicanos nos Estados Unidos. 

Esta sería unha folla de ruta moi perigosa, ante todo porque China xa é unha gran potencia económica e tecnolóxica, e Rusia posúe un gran poder en armas estratéxicas. Asemade Trump pretende sumar á Bruxelas mediante a presión, e colocando á Unión Europea na primeira liña de confrontación militar; substituíndo a colaboración e acordos con estes aliados polo ordeno e mando. Tampouco se pode obviar a actitude de potencias rexionais como Turquía que mantén abertos frontes militares con todos seus veciños. En fin, a solución da crise acelerada pola pandemia debería estar ligada á construción dun mundo multipolar, polo ben da humanidade. Un modelo que ademais tería que garantir a soberanía nacional, con xustiza social, igualdade e solidariedade. 

As dúas saídas da crise

Te puede interesar