jueves 28/1/21

Día da Patria Galega co sistema en crise

Día da Patria Galega, o 25 de xullo, será distinto ao dos outros anos. Ante todo porque  se cumpre un século desta acción reivindicativa, que foi acordada pola 2ª Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, en setembro do ano 1919, onde se decidiu a súa celebración anual así como a data. Porén asemade porque será o primeiro acto público de tanto simbolismo para o nacionalismo galego despois do importante avance da representación do BNG no Parlamento galego, deixando atrás os efectos da ruptura do ano 2012. Un salto cualitativo que xa fora precedido pola volta do nacionalismo ao Congreso de Deputados/as. 
Mesmo nesta travesía do deserto a participación de xente, na data máis significativa da nación galega, sempre foi masiva, e o Bloque ateigou a praza da Quintana. Nesta ocasión a convocatoria  está condicionada polas medidas de protección contra a pandemia, e a celebración do BNG será descentralizada, con actos en todas as cidades. Seguramente farán o propio outras forzas políticas soberanistas, dándolle pluralismo á data, aínda que a súa capacidade de convocatoria sexa menor.  
Ademais destas cuestións simbólicas, e das vinculadas ao estado de animo das forzas convocantes, e das limitacións do momento, a celebración da data estará moi condicionada polo peche de industrias  e a redución de cadro de persoal, afectando a varias comarcas e empresas estratéxicas: Endesa, Meirama, Alcoa, Vulcano, Thenaisie,... Nun contexto no que o covid-19 acelerou e agrandou a crise do sistema, tanto no aspecto ecolóxico, como polo medre da desigualdade e da precariedade, da especulación financeira, da confrontación entre potencias, da migración masiva, da violencia... Unha crise que non se pode superar sen transformacións radicais para garantir un reparto xusto da riqueza, do traballo e do poder, tanto entre as clases sociais como entre os territorios. Neste aspecto o sálvese quen poda, presente na UE durante a pandemia, amosou sen caretas as posturas dominantes. Comportamentos que tamén estiveron presentes no debate do fundo de reconstrución, para alén da escenificación que se realizou ao final. Todo reflicte que hai duras imposicións dos países centrais para poder acceder ás axudas. Unha actitude consubstancial co neoliberalismo imperante na UE. Os resultados das eleccións galegas están ligados a este medre das contradicións; consolidando por unha banda ao PP, e por outro lado afortalando BNG como forza para o cambio. E tamén  agrandando a abstención, o fóra de xogo, un aspecto a non esquecer. 

Comentarios