Dez de marzo

O Día da Clase Obreira Galega é a data na que se conmemora a represión da ditadura franquista, e sobre todo, a loita a prol da liberdade e da xustiza da clase traballadora galega. 

Unha data que debería estar de actualidade, porque está ligada ás consecuencias do levantamento militar, e a masacre e persecucións posteriores. Así como co debate respecto do Val dos Caídos, a usurpación dos pazos de Meirás e Cornide, e das figuras do mestre Mateo, que seica por “gratitude” e decisión divina pasaron á propiedade da familia Franco.  

O dez de marzo de 1972 os “grises” (policía armada) coa escusa de disolver unha manifestación de operarios da Bazán, que protestaban polo peche patronal da factoría, matou a dous operarios e feriu a 28 máis. Despois días de conflito. O estaleiro foi militarizado e houbo unha dura represión: 160 persoas foron despedidas, e outras 100  nas empresas que se solidarizaron na bisbarra. Este episodio tráxico reflectiu o nivel de combatividade da clase obreira na Galiza, xa que pararon en solidariedade moitas empresas en Vigo e na Coruña, así como o estudantado na Universidade de Compostela. 

As protestas de Ferrol, e os paros de marzo e maio en Vigo, e a folga xeral de setembro, agudizaron as contradicións das clases populares coa ditadura de Franco, que comezaba a perder efectividade para o gran capital. Vexase a postura dalgúns medios de comunicación e sectores da igrexa naquel intre, tan diferente da que manteñen hoxe. 

Ademais agromaron novas alternativas, destacando entre elas o movemento nacional popular galego. Polo tanto, a importancia de 1972 non radica só na dura represión e na exemplar resposta obreira, senón tamén en que xermolan novos protagonismos políticos e sociais que respondían mellor ás necesidades da maioría social. 

Foron intres nos que Galiza foi referencia no Estado español, como o fora en 1961 coa captura do Santa María por Xosé Velo. Unha etapa na que a tendencia dominante no mundo era a loita contra a opresión nacional e a explotación laboral. 

Un contexto cunha  correlación de forzas máis favorábel aos de abaixo. Hoxe coa escusa da competencia, e dunha democracia formal, dáselle folgos á desigualdade territorial e de clase, á desfeita ecolóxica, ás migracións forzadas, á lóxica da depredación e da economía delituosa, ás intervencións e bloqueos. Coa globalización neoliberal fóronse perdendo avances sociais e laborais, e sobre todo conceitos solidarios, construídos durante séculos a costa de moitos sacrificios, persecucións, detencións e mortes.

Dez de marzo

Te puede interesar