viernes 20.09.2019

Destrúe emprego a robotización?

lgúns analistas destacan a ameaza das novas tecnoloxías para a clase traballadora, xa que por exemplo a robotización suplantará na industria e outras actividades ao esforzo humano. Sobre esta base fanse estudos nos que se alerta con razón sobre o tema, xa que poderíanse suprimir millóns de empregos. Agora ben, se analizamos como se está a comportar o mundo do traballo nas últimas décadas, nas que a incorporación de tecnoloxía foi moi importante, os resultados amosan ser moito máis complexos. 
É verdade que medrou a taxa de desemprego en moitos países, e sobre todo o subemprego e a caída dos salarios, como consecuencia entre outros aspectos do exceso de man de obra. Non se pode obviar a incorporación masiva da muller ao traballo remunerado, a industrialización vertixinosa de países que formaban parte da periferia, a gran inmigración de man de obra aos países centrais, e un aumento importante da xornada laboral real e dos ritmos de traballo. Ou sexa, o crecemento do paro non se debe en exclusiva ao auxe dixital e da robotización. Sen dúbida estes avances tecnolóxicos substitúen man de obra nuns sectores, porén créano noutros, como a programación e novos servizos para as empresas e persoas (como a dependencia). 
A incorporación de novas tecnoloxías non é responsábel do descenso dos salarios medios e das altas taxas de desemprego, e polo tanto do constante medre da desigualdade, como se pretende caracterizar dende círculos do poder económico e político. O crecemento da produtividade grazas aos avances tecnolóxicos poderían ser utilizados para aumentar os salarios, especialmente os máis baixos, como pasou durante a industrialización e o “fordismo”. E sobre todo: para reducir a xornada laboral legal, conseguindo un mellor reparto do traballo reducindo a taxa de desemprego. Porén estes avances técnicos, xunto cunha maior explotación da man de obra, foron utilizados para aumentar a taxa de beneficios do capital. Nunca houbo ricos tan ricos!
Polo tanto non se pode relacionar mecanicamente o desenvolvemento tecnolóxico co desemprego e a caída dos salarios, xa que este comportamento responde a aplicación dun modelo económico e social baseado na concentración e centralización da riqueza e do poder, e a unha determinada correlación de forzas. Con políticas que primen a xustiza social o resultado sería totalmente distinto, conseguindo un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, evitando a agresión aos ecosistemas, dando pulo á paz, á democracia, e respectando a diversidade. 

Destrúe emprego a robotización?
Comentarios