Derrota do Daesh en Siria

Estados Unidos e as Forzas Democráticas Sirias acaban de anunciar a derrota do Estado Islámico, despois de tomar a cidade de Baghuz, unha zona que levaba meses cercada. Algúns medios destacan que, ao oeste do Éufrates, no territorio controlado polo exército sirio segue habendo bolsas de resistencia do Daesh, e que esta forza terrorista non desapareceu. Asemade, miles dos seus militantes manteranse como células dormentes, e outros retornaran aos seus países de orixe. 

Tamén faise fincapé en que esta derrota dálle folgos a Al Qaeda. Lembremos que esta organización  está estendida por África e Asia, e que sigue actuante en Siria na provincia de Ibdil. Polo tanto a ameaza destas forzas terroristas, tan conectadas cos servizos segredos norteamericanos (tamén con Francia e o Reino Unido?) seguiran presentes no escenario sirio, por exemplo, nas áreas controladas polo Goberno de Assad, que Washington quere seguir desestabilizando dentro do seu plano xeo-estratéxico para controlar o mundo, xa que despois de Iran o valora como o principal inimigo a bater na zona. 

Daquela, para alén dos anuncios triunfais, coa intención de incidir na confrontación interna cos demócratas, o conflito armado en Siria non rematou. Así o reflicten as incursións israelís, aínda que non se volveron a repetir polo aire (será por que a última non lles resultou tan ben, por mor dos mísiles S-400?). 

Tamén a decisión dos Estados Unidos de validar a ocupación permanente por parte de Israel dos altos do Golán (rexeitando as resolucións da ONU); e que teñen un valor estratéxico, tanto como fonte de fornecemento dun ben tan importante na zona como é a auga, como dende o punto de vista militar pola proximidade de Damasco. 

A estas medidas agresivas, sumase a ocupación por tropas norteamericanas de Al Tanf, e un área de 55 quilómetros na contorna, no deserto limítrofe con Xordania. Na que por certo adéstranse grupos terroristas, impídese que chegue axuda e que se podan marchar milleiros de persoas refuxiadas. 

Ademais, seica centos de militantes do Daesh foron trasladados dende a zona do Éufrates por helicópteros até campamentos para despois ser desprazados a outras nacións, de Asia Central (tamén China e Rusia?). Asemade a estados da UE, malia oposición de moitos deles, por presión de Washington. Este reparto de terroristas dá lóxica á denuncia do envío a zonas de Siria controladas polo Goberno para manter o conflito. Ou sexa, é moi cedo aínda para falar de paz,  mesmo que as cousas non vaian por onde o imperio quere.

Derrota do Daesh en Siria

Te puede interesar