A dependencia unha cuestión pendente

Durante a primeira onda da pandemia do covid-19 faleceron sobre todo persoas maiores, e dentro destas aquelas que tiñan determinadas patoloxías; a metade estaban en residencias da terceira idade. Nesta segunda onda todo indica que a tendencia será semellante, malia que a maioría das persoas contaxiadas teñan unha media de idade máis baixa. Que se volva a repetir o guión deixa en evidencia, por unha banda, que non se puxeron recursos abondo para evitalo, e por outro lado, que o modelo das residencias ten eivas estruturais. 

Todo indica que nas residencias existe amoreamento, falta de persoal, tamén sanitario. Semella lóxico que as habitacións fosen individuais garantindo a intimidade, que existan múltiples espazos para o lecer, axudando a crear relacións de grupo, “burbullas”. As residencias non poden ser cuarteis, por máis bonitos que sexan. Tampouco se pode obviar que persoal das residencias tamén sufre as consecuencias destas eivas, abonda ver o número de contaxios. 

Algúns datos sobre o sector. Segundo o Imserso, no ano 2017 había na Galiza 11.858 persoas dependentes sen atender con dereito a prestación, dun total de 67.228. Pola súa banda un informe da central sindical CIG salientaba que a axuda a domicilio era a prestación máis frecuente, atinxindo o 32% das persoas dependentes, ou sexa 20.465. Outras 13.392 recibían achegas económicas por coidado de familiares, e só 20.285 estaban en residencias. 

Galiza, malia o avellentamento da povoación é a cuarta autonomía con menos prazas nas residencias por habitantes con máis de 65 anos. Ademais, un 79,5% das 342 residencias son privadas. É dicir: seu obxectivo é económico. As familias teñen que pagar total ou en gran medida o custe da estancia, que non é accesíbel para un salario baixo e medio. Nos países do norte de Europa, que tanto se utilizan como exemplo, as residencias públicas practicamente abranguen o total das solicitudes. Tampouco se pode esquecer que a atención á dependencia, tanto das persoas maiores como daquelas que o son por outros motivos, afecta esencialmente ás mulleres, un 87% do total, tamén elas son maioría no colectivo afectado.  

O que está a suceder nas residencias da terceira idade, está creando un rexeitamento a este tipo de servizo esencial, que ademais é cada vez máis necesario, dado o tipo de sociedade e a demografía. Resolver esta contradición non é unha cuestión relacionada exclusivamente coa pandemia, ten moito que ver con que tipo de sociedade que queremos construír, onde adicar os recursos e crear emprego. 

A dependencia unha cuestión pendente

Te puede interesar