DEMOGRAFÍA E GLOBALIZACIÓN NEOLIBERAL

De cando en vez, os analistas, a Xunta de Galiza, e os medios de comunicación destacan a perda de poboación e o envellecemento como un desastre económico que pon en perigo as pensións e prestacións públicas no futuro. Aqueles que poñen as persoas ao servizo da economía (e non ao envés, como correspondería a unha postura humanista), coidan que a solución e atraer inmigrantes, xa que deste xeito aumentaría a poboación activa e melloraría a porcentaxe respecto dos inactivos. Non estará detrás disto a pretensión de contar cunha man de obra de reserva dependente e disposta a aceptar condicións laborais máis baixas?
Facendo unha sinxela análise, vese que se trata dunha resposta que valora os países como se fosen empresas, que agocha o drama migratorio, e os choques que causa a imposición dunha diversidade cultural forzada e que se realiza nun período tan curto de tempo. Ademais, non se ten en conta un dado tan importante como que a poboación galega non crece porque unha boa parte da mocidade emigra, porque outros moitos están desempregados, e outra fracción inmensa traballan en precario, ou sexa con ingresos salariais baixos e sen un traballo fixo. Nestas condicións, é pouco doado que aumente a natalidade, e tampouco se pode lle ofrecer emprego aos inmigrantes que se quere atraer. Por outra banda, de xerar emprego, non sería máis axeitado que houbese políticas que alentasen o retorno dos galegos e galegas que se viron empurrados á emigración?
Agora ben, sendo certo o anterior, e resultando evidente que cómpre desenvolver a economía e xerar máis e mellor emprego, non se debería ignorar que abondaría con que se cumprisen as leis e os convenios colectivos para reducir o paro e realizar un reparto máis xusto da riqueza. Unha parte importante dos traballadores e traballadoras fan máis horas das legais, que nen cobran, nen se cotizan. Trátase dunha competencia desleal e dunha super-explotación por parte dun sector do empresariado. Non se debería comezar por isto cando a Xunta de Galiza fala da problemática demográfica? Ou non será que se entende como algo normal, mesmo necesario, que existan espazos opacos nas relacións laborais?

DEMOGRAFÍA E GLOBALIZACIÓN NEOLIBERAL

Te puede interesar