DEIXAR TODO BEN ATADO

Rajoy destaca que a economía medra máis que ningunha outra da OCDE, e que será a que vai xerar máis emprego. E toma a iniciativa rebaixando o IRPF e a luz. 
Afirma que isto é consecuencia directa da política de austeridade, de que o PP fixo os deberes. Porén, por se estes argumentos non dan resultado, e non consigue recuperar apoio electoral, quere deixar atados os orzamentos de 2016, cun menor gasto. Isto afectará esencialmente ás políticas sociais, segundo denuncian varios partidos da oposición.
Non semella que o medre do PIB teña moito que ver coa rebaixa salarial e do gasto social, xa que o axuste reduciu o consumo e a xeración de emprego durante a crise. O medre da renda está máis ligado ao aumento do turismo exterior (nótase sobre todo nas zonas do mediterráneo e en Madrid) como consecuencia da situación en Exipto, Tunisia, Grecia, ou sexa en países competidores. 
É polo tanto unha cuestión conxuntural, como o son outros aspectos: a queda o euro diante do dólar (o que encarece as importacións), a baixada do prezo do petróleo, políticas de flexibilidade cuantitativa por parte do BCE. A cuestión é se esta conxuntura positiva será aproveitada. Todo indica que non se están a facer cambios que impulsen o sector industrial e a actividade primaria. 
A única mudanza foi rebaixar salarios e prestacións para aumentar a competitividade e os ingresos das grandes compañías e fortunas. Esta semella ser a única estratexia. A rebaixa do IRPF vai neste sentido, xa que reduce a taxa no 1% para as rendas máis baixas e no 2% para as altas (o 18% que máis gañan absorberán 2/3 do total). 
Redúcense os ingresos públicos, en beneficio dos que máis teñen. E malia se prever que estes van aumentar polo medre do PIB, esta melloría non servirá para dotar a poboación de máis prestacións e servizos públicos. Non será así! 
O que se fai é rebaixar os orzamentos en 5.666 millóns. As primeiras en protestar foron as autonomías, que serán as máis afectadas, xa que son as que teñen a responsabilidade de prestar os servizos esenciais. Esta é a herdanza que deixa Rajoy, e que o partido que gañe deberá rexeitar se quere cambiar algo.

DEIXAR TODO BEN ATADO

Te puede interesar