Debates, rupturas e unidade do nacionalismo

Que Anova non concorra ás eleccións xerais en alianza con Podemos e Esquerda Unida é unha decisión positiva, se a analizamos en termos de país. Unha  actitude que, para alén da liorta interna e da preeminencia da cuestión electoral, permite repensar o futuro do nacionalismo galego con maior optimismo, malia que a cuestión da soberanía non fose a diverxencia fundamental. 

A postura de Anova tamén está condicionada polas mareas locais, especialmente en Compostela e A Coruña, que buscan revalidarse no goberno, daquela que estas optasen por se manter á marxe, e a primeira por non se presentar. Porén, todo dependerá dos resultados das xerais, tanto de quen obteña deputados/as como da porcentaxe de votos acadados por cada unha destas opcións na nación galega. Son as trampas dunha práctica reducida ao institucional. Aínda así, ou moito muda o panorama ou as diverxencias actuais iran a máis, especialmente se a alianza Podemos+EU consigue deputados/as. 

A percepción social respecto do nacionalismo sería moi distinta se este, ademais de ter un papel destacado no eido sindical, veciñal, cultural, ecolóxico, de xénero, fose quen de unificar estas loitas mediante un programa e unha folla de ruta rupturista. Cunha práctica deste tipo, e a socialización dos obxectivos, aumentaría a conciencia política e crearíase un estado de animo favorábel ao cambio. Neste intre non é así, como fica reflectido en que os partidos sistémicos, da socialdemocracia e da dereita estatal, teñen a iniciativa; malia súas submisións en relación coa xustiza social e a negación do dereito de autodeterminación. Se houbese no nacionalismo galego unidade pola base, e un programa antisistémico no social, as diverxencias e resultados electorais terían una menor repercusión. 

Máis unha vez os partidos galegos terán que aprender dos erros, e de que as ofertas de achegamento non poden ser para a galería. Non hai proxecto transformador sen participación masiva das clases populares, sen mobilización, sen organización e o protagonismo de miles de activistas, e sen unha folla de ruta críbel (que non é o mesmo que posíbel no marco do capitalismo). 

Só así terá futuro a disputa pola hexemonía co sistema respecto dun novo modelo de sociedade. Axudaría moito nesta reflexión e no reagrupamento do nacionalismo galego o recoñecemento de cada parte, e que o BNG e as Mareas obtivesen representación. Especialmente o bloque, dado sua coherencia respecto da centralidade de Galiza. Que nosa nación teña voz propia no Parlamento español é unha necesidade.

Debates, rupturas e unidade do nacionalismo

Te puede interesar