O que dá folgos e fragmentación

Hai tempo que lles digo ás persoas máis próximas, que a realidade social e política actual ten cada vez ten máis semellanza coa que eu coñecín de cativo e mozo na Arxentina. Non na sucesión de ditaduras militares, que tampouco son agora tan comúns naquela rexión, senón na fragmentación da sociedade e polo tanto da representación política, algo que resulta máis evidente co auxe do nacemento e desaparición de siglas. Demostrase así que esta singularidade non era un produto de sociedades periféricas e atrasadas, como algúns teorizaban dende os países centrais, senón consecuencia da dependencia. Porén, tamén da diversidade cultural subxacente sen canles de participación, ven fose dos pobos autóctonos e/ou dunha inmigración masiva (e cuxo proceso de integración leva décadas), así como por unha oferta partidaria que se facía subestimando ou ignorando a incidencia a todos os niveis que tiña o carácter subalterno destes países. 

Esta situación reprodúcese agora en case todos os estados da Unión Europea, xunto con outra das características destes procesos, como é unha forte abstención electoral. Este medre da fragmentación política e da abstención ten moito que ver co aumento da desigualdade, da precariedade, coas incertezas sobre todos os aspectos da vida (cultura, lingua, vivenda...), especialmente nas nacionalidades sen estado propio ou que foron até hai pouco colonias. 

Esta dinámica estendeuse hoxe aos estados europeos, que deixaron de xogar un papel central no mundo. A globalización neoliberal limitou cando non afogou a súa capacidade para desenvolver políticas propias, xerando en amplos sectores da sociedade unha sensación de falta de futuro, de que non existe alternativa. Un estado de animo que se confirma coas promesas incumpridas dos partidos e lideres políticos, especialmente os da esquerda, que malia sendo os que máis medidas a prol das maiorías toman, tamén son os que máis alto poñen o listón, e dos que máis a xente espera, tendo  en conta seu papel histórico. 

Estas eivas agrándanse porque os medios, as redes e os lideres, substitúen a participación dos e das afectados, o activismo, a asemblea, a mobilización, o vivir na primeira liña a loita política. Os partidos deixaron de ser a vangarda, que tanto se criticou dende certos sectores, para se converter en grupos de dirixentes intermediarios, aos que se suman uns poucos asistentes ás asembleas. Polo tanto moitos/as activistas xurdidos no sindicalismo, no barrio, na asociación cultural ou social, no rural, seguen buscando.

O que dá folgos e fragmentación

Te puede interesar