Cuestións que esixen seriedade

Hai certos/as comentaristas e algúns medios que realizan valoracións e reportaxes que carecen da máis mínima rigorosidade. Por exemplo, cando se fai mención a que calquera que busque emprego necesita ter un nivel importante de coñecemento tecnolóxico. Non hai dúbida de que ficamos no medio dunha revolución tecnolóxica, porén unha maior de formación non evita a alta da taxa de paro, a precariedade, baixos salarios, emigración e caída demográfica. Ademais, a maioría dos traballadores e traballadoras asalariados están adicados á actividade de servizos, ou sexa, na hostalería, limpeza, comercio, etc. Moito de esforzo manual e pouco de coñecemento tecnolóxico. Canta máis formación mellor!!! Para poder exercer maior número de actividades, e porque os coñecementos son un activo no profesional e nas relacións persoais. Mais, non parece ser este o principal atranco na Galiza, e si o baixo investimento e fuga de capitais, a precariedade.
 

Leo estes días que o número de traballadores estranxeiros contratados na industria aumento nun 50% este ano, porque faltan persoas do país para ocupar estes empregos, segundo a patronal. Dise isto cando temos unha taxa de paro tan elevada, do 12,2%, unhas 150.000 persoas. Non será, como sucede na actividade de servizos, que se trata de reducir os custes para aumentar os beneficios das empresas, aproveitando que a maioría deste colectivo vese obrigado a aceptar as condicións laborais máis regresivas? 
 

É verdade que en certas actividades, como o naval, perdéronse moitos especialistas por mor dos despedimentos masivos durante a crise, mais pódense recuperar se se lle ofrecese garantía de continuidade e salarios dignos. Ademais, non parece que este tipo de profesionais estean entre a inmigración que chega a Galiza. Semella unha escusa burda, para responsabilizar do desemprego ás vítimas da degradación das condicións laborais. O sexa que, segundo o guión prefabricado, á patronal seica non lle queda outro remedio que contratar fóra, para que non dubidemos do seu compromiso coa xente do país. Cómpre recoñecer o grao de inventiva. 
 

Importa é moito a análise rigorosa, o contraste da información, a valoración do contexto e da evolución dos parámetros en cuestión. Vendo a emigración da mocidade, a mais preparada que houbo nunca, utilizar o argumento da falta de formación carece da mais mínima credibilidade, como tamén sucede cando se afirma que hai postos que non se dan cuberto por falta de persoal. O desemprego e as condicións laborais esixen seriedade na análise.

Cuestións que esixen seriedade

Te puede interesar