Crise ou axuste?

A crise económica resolveuse a través dun duro axuste entre clases sociais e territorios. Daquela, as enxurradas migratorias nos países máis afastados dos centros de poder, e a perda de peso económico e demográfico na periferia máis próxima. A explotación laboral medrou a niveis propios da primeira etapa industrial, e polo tanto, a pobreza e a desigualdade en termos comparativos. Recuaremos aínda máis? Só nun contexto deste tipo é posíbel comprender que, como destacan algúns medios estes días, os directivos das empresas do IBEX35 gañen 98 veces máis que os seus empregados e empregadas. E tamén porque moitas das empresas galegas pecharon, ou pasaron a ser controladas por capital foráneo.  
O tamaño das empresas conta. Daquela que se collemos unha mostra máis ampla, a  de todas as cotizadas no Estado español, resulta que os cargos de alta dirección tiveron en 2017 uns ingresos de 586.128 euros/ano, contra unha media de 45.272 os seus empregados. Aínda así, son contías que multiplican moitas veces o diferencial de ingresos. 
Hai razóns para afirmar que a crise, en termos cualitativos, foi un axuste entre o capital e o traballo, en función da correlación de forzas. Non contaron as boas palabras de gobernos ligados ou submisos aos poderes fácticos. O argumento dos sacrificios para recuperar a competitividade foi unha escusa para aumentar os lucros empresariais, e os ingresos de directivos e asesores. Un dado a termos en conta é que, países con salarios medios moito máis altos teñen un desemprego mínimo. Isto pon en evidencia que a cuestión está na investigación, na tecnoloxía, e sobre todo, no grao de soberanía, e como consecuencia, no rol que se xoga na cadea de valor. 
Mais non lle vai mal a todos ou todas. Hai tamén un amplo sector que ten altos ingresos, propiedades, e pódense permitir certos luxos. Mais sería un erro valorar a situación socio-económica polas condicións nas que traballa e vive unha minoría, por máis grande que sexa. Na sociedade galega dous tercios non pode aforrar ren, e outro tanto chega con dificultades ao final de mes. O desemprego atinxe un 15 por cento das persoas, a maior parte dos salarios e pensións son mínimos. E o problema non é máis grave porque a emigración baleira as cidades e vilas, como antes o fixo coas aldeas. Ademais, está a cuestión cultural, lingüística, identitaria, a restrición de dereitos democráticos, a desfeita ecolóxica, sumados á falta de futuro. En fin, pode que o dilema non estea entre crise e axuste, senón que son un binomio consubstancial co sistema.

Crise ou axuste?

Te puede interesar