Concerto económico? E por que non?

O conselleiro de Facenda propuxo o catedrático Santiago Lago para a Comisión de Expertos sobre o novo modelo de financiamento autonómico. Seica o fixo despois de consultar con tres grupos parlamentares (PP, PSOE e En Marea), xa que non puido contactar co BNG, o que é difícil de crer. 
Tendo en consideración as posturas e relacións deste economista, todo fai pensar que deste xeito o PP quere garantir a complicidade do PSOE neste tema de tanta transcendencia, máxime se pensamos que para o PP, isto é a chave do conflito catalán. Esta semella unha análise moi esquemática do avance social do independentismo nesa nación, xa que ignora os aspectos culturais, de modelo económico e social, e moi especialmente o dereito a decidir, a cuestión da soberanía. 
Tamén chama a atención que se elixa o experto antes de clarificar cal vai ser o modelo de financiamento que defenderá Galiza nesa Comisión. A menos que estas reunións sexan unha escenificación, e todo estea decidido ou se decida noutro lugar. 
O modelo de financiamento ten moita importancia, xa que del dependen a contía dos recursos en investimentos, servizos e prestacións para os vindeiros anos. É verdade que non afecta aos alicerces dun sistema probadamente inxusto, xa que as políticas estratéxicas no ámbito económico-laboral son decididas por Madrid e Bruxelas. Porén, con maiores recursos pódense atallar algúns dos efectos máis nocivos e dar alento a iniciativas económicas, sociais e culturais intensivas en man de obra, autocentradas e sustentábeis. Isto non se pode ignorar, nen relegar en función do estratéxico, debe ser complementario. 
Neste senso hai que entender a proposta do BNG, instando a que a Xunta propoña un modelo de concerto económico e cupo, semellante ao vasco e navarro. 
Estes teñen un sistema impositivo propio e un concerto co Estado, ao que pagan o cupo que corresponde polas competencias non transferidas e as políticas de solidariedade interterritorial. Este sistema permite saber realmente canto recada cada territorio. Hoxe, este aspecto é opaco e está distorsionado, vendéndose como solidariedade do Estado (Madrid) o que é puro centralismo. 

Concerto económico? E por que non?

Te puede interesar