A centralidade do traballo e dos salarios

Nunha das publicacións da CEPAL, titulada “Panorama Social de América Latina”, referida ao ano 2017, analizase o efecto que tiveron na rexión os salarios e as prestacións sociais na redución da pobreza. 
Coido importante lembrar que se trata dun organismo dependente da ONU. Segundo este estudo entre os anos 2002-2008 a redución da pobreza “debeuse principalmente ao aumento dos ingresos laborais. 
Dos 15 países nos que houbo un medre apreciábel dos ingresos dos fogares pobres, os salarios representaron tres cuartas partes ou máis de dito aumento en oito países”. Ou sexa que os salarios foron centrais para reducir a desigualdade e evitar a pobreza. 
Ao analizar o período da crise o estudo destaca que: “se ben os ingresos laborais volveron a ser a fonte predominante no aumento dos ingresos dos fogares pobres, no período 2008-2016 (...) as demais fontes de ingreso representaron un papel máis relevante que no período anterior”. Salientando que as transferencias públicas na Arxentina (70%), Panamá (54%), Uruguai (33%) e Paraguai (30%) foi onde tiveron unha maior incidencia na rebaixa da pobreza. 
Sen dúbida tratase dunha análise de enorme interese, porque deixa en evidencia o carácter central que teñen as condicións laborais na redución da pobreza e da desigualdade. Unha conclusión valida tanto para a América Latina como para o resto do mundo, e as excepcións non fan máis que confirmar a tendencia xeral. 
Daquela que, na práctica, as prestacións ao desemprego e doutro tipo, sendo cada vez máis importantes e comúns na Unión Europea, para evitar as situacións de marxinación, non fosen quen de frear a desigualdade e moito menos reducila, xa que as condicións laborais e os salarios séguense degradando. Como contrapartida aumentou a centralización e concentración da riqueza e do poder.
Hai quen di que o problema é irresolúbel nun mundo globalizado, neoliberal, e a ateigado de robots que restan importancia ao esforzo humano. Escusas para manter todo como está. 
Na globalización pódense ter en conta os intereses de todos os países, o neoliberalismo pódese substituír por unha distribución solidaria da riqueza, e a automatización pódese compensar coa redución da xornada laboral, para repartir o traballo axeitadamente, rexeitando a marxinación. Son necesarios servizos e prestacións públicas amplos, unha fiscalidade progresista, porén o aspecto principal está nunha distribución xusta do traballo e da riqueza producida. Tanto na América Latina como en Europa, e por suposto na Galiza.

A centralidade do traballo e dos salarios

Te puede interesar