A centralidade do ecolóxico

urante moito tempo non prioricei a cuestión ecolóxica. A miña preocupación sobre o tema comezou hai algo máis de dúas décadas, por mor dunha homenaxe ao “galego Soto” en Rio Gallegos, na Patagonia Arxentina. Achegámonos á “estancia La Anita”, lugar da masacre de  numerosos folguistas. Detivémonos no camiño na marabilla do glaciar Perito Moreno. Foi un golpe saber que perdera máis de 40 metros de altura polo cambio climático. 
Hoxe as desfeitas nos ecosistemas, pola actividade dos seres humanos, están presentes en todos os recunchos do mundo, co avance do deserto en África, os incendios desbastadores nas zonas árticas, as contaminacións de ríos, mares e grandes urbes. Un desastre, que obriga a tomar medidas antes de que sexa demasiado tarde. 
on quero ser catastrofista, porén un erro de apreciación non contará cunha segunda oportunidade. Algo que tamén sucede cando se trata á lixeira ou dáselle alento á confrontación entre potencias nucleares. 
Preservar e recuperar o medio ambiente está directamente relacionado co tipo de sistema económico, coa ordenación do territorio (grandes urbes e turismo, ou sexa a masificación), e asemade co crecemento demográfico. 
En 1974 o mundo tiña 3.800 millóns de persoas, hoxe uns 7.400 millóns, practicamente o dobre, cun medre moi destacado naqueles países con rendas máis baixas e incapacidades para xestionar axeitadamente a relación poboación-ecosistema. 
Non é unha cuestión que se poda pasar por alto, aféctanos a todos e todas,  polo que urxe a mellora na calidade de vida, de planificación. Non se trata de sumar máis votos, consumidores e feligreses, ou sexa, de ser máis, senón de vivir dignamente, de deixar un mundo habitábel para futuras xeracións.  A ecoloxía e a paz deberían ser temas centrais para todos os gobernos, así como para as organizacións sociais, sindicais e políticas. Non se trata de restar importancia a problemas que afectan a determinados colectivos, mais non se debería facer a costa de esquecer temas que nos atinxen como humanidade (ecoloxía, paz, diversidade de especies así como cultural e lingüística),  aqueles que garanten a democracia (soberanía nacional, igualdade) e que implican xustiza social (condicións laborais, salarios, servizos públicos, pensións, dependencia, solidariedade). Cómpre que teñamos unha visión máis ampla dos problemas que temos por diante, da súa dimensión e da  estreita relación que existe entre todos eles. É positivo que existan organizacións especificas, mais os partidos deberían dar resposta a todos estes temas.

A centralidade do ecolóxico

Te puede interesar